Betanzos presenta o programa de visitas guiadas que incorpora, como novidade, a ruta da “Betanzos oculta”

129

O Concello presentou o programa de visitas guiadas previsto para este primeiro semestre do ano. Trátase dun programa no que se recollen os aspectos máis significativos da cidade aínda que “sempre está aberto a outras propostas que poidan chegar e que en todo caso serán estudadas para incluílas na oferta”. A Betanzos modernista, o 28 de marzo; a Betanzos monumental, o 9 de abril e o 13 de xuño, cunha visión global do centro histórico (a zona que desperta un maior interese entre os visitantes); a Betanzos en feminino, o 7 de marzo; a Betanzos do pintor Lloréns, o pintor das Mariñas, o 25 de abril; ou a ruta do viño, santuarios e ríos, o 30 de maio,  compoñen parte da oferta para os próximos meses.

Para descargar o programa de visitas guiadas prema aquí

A estas rutas, como novidade, sumaráselle este ano a da “Betanzos oculta” o 9 de maio. Nela, explicaron hoxe responsables da Concellería de Turismo, preténdese dar visibilidade a aspectos da cidade menos coñecidos. “Betanzos conta cun  gran patrimonio histórico, artístico e monumental, bastante coñecido pero tamén con lugares case ocultos, mesmo para os seus veciños, onde tamén tiveron lugar feitos históricos”.

Neste sentido, sinalaron que a ruta incluirá explicacións sobre  “a presenza dos xudeus na cidade; o lugar onde se pesaba o sal e que facía do porto de Betanzos un dos máis importantes do norte da península, sepulcros escondidos en camiños, os xardíns entre as pedras do centro histórico ou a orixe da rúa do Rollo. Todos estes lugares estarán incluídos no percorrido porque as historias pequenas son as que fan grande á historia”.

No programa haberá dúas rutas da Betanzos monumental, que é a visita máis demandada. Terán lugar os días 9 de marzo e 13 de xuño. O obxectivo desta ruta é dar a coñecer o patrimonio histórico artístico, o centro histórico declarado conxunto histórico artístico en 1970 que conta con monumentos de interese nacional como a igrexa de Santa María de Azougue e a igrexa de San Francisco. A través dun percorrido polo recinto medieval da cidade (a única de Galicia que conserva o tres portas medievais) a ruta dá a coñecer episodios da cidade, feitos curiosos e principais monumentos como a praza dos irmáns García Naveira (a estatua dos Irmáns García Naveira, a igrexa de San Domingos, o Edificio Arquivo, o antigo Hospital de Santo Antonio, a Fonte da Diana Cazadora e Soportais); o Palco da Música; a porta dá Vila; praza da Constitución (a Casa Núñez, o Pazo de Bendaña, o Concello, o Pazo e a Torre de Lanzós); a igrexa de Santiago e rúa dos Ferreiros (o Pazo de Taboada e Porta da Ponte Nova); Igrexa de Santa María de Azougue; a igrexa de San Francisco (sepulcro de Fernán Pérez de Andrade “O Boo”), a porta do Cristo, a rúa da Cerca, a porta da Ponte Vella; o convento das Agostiñas e as casas populares da Fonte de Unta.

Para realizar estas visitas deberá de haber un mínimo de dez persoas, que terán que inscribirse na Oficina de Turismo por correo electrónico ou por teléfono 981 776 666. As visitas realizaranse ás 11.00 h, e partirán da propia oficina.