Campamentos deportivos de verán 2022 da Deputación da Coruña

164

A Deputación da Coruña retoma este ano os Campamentos Deportivos de Verán 2022, que se desenvolverán en varias quendas nas instalacións do IES Rosalía Mera, no Concello da Coruña.

Ao Concello de Betanzos correspóndelle a terceira quenda, do 10 ao 15 de xullo, e na actividade poderán participar os/as nenos/as de entre 9 e 14 anos, (nados/as entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2013), e que consten empadroados/as no Concello de Betanzos.

O prazo de inscrición xa está aberto e remata o venres 20 de maio. As inscricións faranse no Departamento de Deportes, no segundo andar da Casa do Concello, praza da Constitución s/n. As prazas son limitadas e adxudicaranse mediante sorteo público entre todos os nenos e nenas inscritos, tendo preferencia aqueles que non participasen en anteriores Campamentos Deportivos de Verán da Deputación.

A cota de inscrición é de 85 euros e inclúe estadía e manutención en residencia, transporte interno, monitores, actividades deportivas e visitas culturais, xornada de praia, seguros e todo o gasto que ocasionen as actividades programadas.

Máis información no Departamento de Deportes do Concello de Betanzos, Casa do Concello, segundo andar, Praza da Constitución s/n. Tlf 981 770 011