“Danzacontos: historias en movemento” nos Sábados Miúdos o 19 de xuño

64

Este sábado 19 de xuño ás 19:00 h na Aula de Usos Múltiples terá lugar unha sesión de “Danzacontos. Historias en movemento” con Laura Martínez Rey de Xanzá Movemento Eco-creativo dentro do programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados Miúdos do Concello de Betanzos.

O espectáculo está destinado a nenos e nenas de 1 a 6 anos e as súas familias e ten unha duración de 50 minutos. A actividade ten 15 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas dunha soa persoa adulta. O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto en www.betanzos.gal (novas>sábados miúdos) entre o 14 e o 17 de xuño de 2021 e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].

“Danzacontos. Historias en movemento”

Unindo imaxinación, diversión, aprendizaxe, lingua e movemento, créase “Danzacontos: historias en movemento”. Nesta actividade viaxamos a un mundo imaxinario utilizando como vehículo o noso corpo, sentindo que somos as nubes, a chuvia, o lume, as follas que leva o vento… converténdonos en diferentes personaxes, transportándonos a historias máxicas que nos levan a explorar e coñecer a nosa contorna a través do movemento e a lingua.

Os contos, de creación propia, están enfocados a descubrir e explorar cousas marabillosas sobre nós e a nosa contorna poñendo movemento ás palabras: ecoloxía e natureza: explorar a contorna que nos rodea e a importancia de coidar e respectar o medio ambiente e a todos os seres vivos que nel habitamos. Emocións e Relacións: explorar maneiras de sentirnos, de actuar e de relacionarnos, a través de personaxes que nos axudarán a experimentar e identificar emocións e habilidades sociais básicas.

Na actividade traballamos a través do movemento, un elemento fundamental para o desenvolvemento emocional e social; e da imitación, que constitúe a base da aprendizaxe, guía na transmisión de coñecementos, identificación de emocións, adquisición de comportamentos, etc., estimulando as neuronas espello a través de xestos, movementos, sons… Relaxámonos con propostas que nos axudan a fluír, outras a compartir, rir, emocionarnos; acompañándonos de suave música, explorando diferentes ritmos e formas de moverse que ó mesmo tempo acompañan un máxico conto, recibindo unha estimulación a nivel cognitivo, físico, emocional e social.