O Concello de Betanzos programa un novo Obradoiro de poesía e escrita creativa xuvenil para o alumnado do IES As Mariñas

95

O vindeiro mércores 13 de outubro dará comezo no IES As Mariñas unha nova edición do obradoiro de poesía e escrita creativa xuvenil para un grupo de mozos e mozas interesadas na escrita literaria en galego. Este obradoiro correrá por conta das escritoras galegas Dores Tembrás e Antía Otero do colectivo Apiario e desenvolverase en diversas sesións que terán lugar durante o curso escolar 2021/2022.

O Concello de Betanzos programa esta actividade a través do Servizo de Normalización Lingüística en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do IES As Mariñas para desenvolver nun espazo máis longo de tempo os obradoiros de escrita que se veñen levando a cabo cada ano con motivo do Día do libro e para potenciar a participación no Concurso de creación literaria que o vindeiro ano chegará á súa undécima edición.

Para alén deste obradoiro o Concello está a programar diversas actividades de dinamización lingüística en todos os centros de ensino de primaria e secundaria da localidade para este curso 2021/2022 en colaboración cos distintos equipos de dinamización lingüística e para fomentar o uso da lingua galega naqueles ámbitos en que resulta máis necesario e como parte da programación municipal en colaboración cos centros.