O Consello Escolar Municipal demanda solución á falta de profesorado e os problemas no transporte escolar no inicio do curso

36

O Consello Escolar Municipal do colexio Vales Villamarín analizou onte os problemas derivados neste inicio de curso no transporte escolar e na falta de profesorado despois de que a Xunta non cubrise a praza de Inglés a xornada completa nin a de atención ao alumnado con necesidades especiais. Así o explicou hoxe o concelleiro de Educación, Andrés Hermida, quen lamentou durante o Consello “que a día de hoxe sigamos agardando que a Consellería de Educación reconsidere a súa decisión cando xa temos o curso iniciado”.

O edil lamentou que a Educación “só actuase sobre a campá unha vez que o Concello e a comunidade educativa denunciaron a situación en distintos medios informativos. Fíxoo tarde e mal, xa que o único que fixo foi pór un parche”. Así, indicou, que se cubriu a praza de profesor de Educación Física e “a metade da praza de Inglés”. O docente terá que dar Inglés en Betanzos e Música na Coruña “algo que resulta insuficiente para o colexio de Betanzos, que necesita que esa praza de profesor de Inglés se cubra ao 100%”.

A maiores, tampouco se atendeu á petición de Pedagoxía Terapéutica, unha situación que o Concello cualifica como moi grave, xa que “parte do alumnado que ten necesidades especiais non poderá ser atendido pola falta dunha praza de Pedagoxía Terapéutica cando Educación sabía que este curso era imprescindible reforzar o departamento e cubrir esta praza para atender as necesidades do centro”.

Os problemas de inicio de curso tamén se centran no transporte escolar onde a Xunta “tamén parcheou a situación” tras a denuncia do Concello e do colexio. Despois de advertir que máis de 80 alumnos e alumnas poderían ficar sen transporte, a Xunta rectificou e permitirá que o alumnado de Infantil “que tiña transporte excepcional o pasado curso o manteñan para este novo, é dicir, para o alumnado de tres a seis anos”. O de Primaria, a partir de seis anos, pola súa banda, poderá utilizar o transporte co carné xove coa condición de que “haxa sitio no autobús, sendo unha ruta integrada, é dicir, utilizada por escolares e persoas adultas”.

A preocupación de Concello e dos pais e nais é novamente a seguridade dos escolares, xa que aínda podendo facer uso do transporte “o seu nome non figurará na relación de persoas usuarias de quen coida no autobús, como ocorría ata agora. Os coidadores e coidadoras que viaxan nos autobuses contaban ata agora cunha listaxe de alumnado excepcional, co que había un control se subía ou non ao autobús. A partir de agora, non haberá listaxe do alumnado excepcional, que quedará fóra do servizo, e por tanto, se o utilizan, porque hai sitios vacantes na liña (no suposto de non cubrirse con viaxeiros e viaxeiras) non constará en ningunha listaxe oficial se ese alumno ou alumna, de seis anos de idade anos en diante, subiu ou non ao autobús”.

No Consello municipal repasáronse as obras realizadas polo Concello, previas a este inicio de curso, e púxose de novo en evidencia a necesidade de que a Xunta acometa a segunda fase de reforma do centro escolar, pendente desde hai varios anos e, polo momento, sen consignación orzamentaria a pesar da necesidade expresada pola Comunidade educativa en numerosas ocasións.