O sábado 21 de maio concerto infantil con Pakolas e “Ramona Órbita e a dona do tempo”

82

O sábado 21 de maio Pakolas trae a Betanzos o seu concerto “Ramona Órbita e a dona do tempo” dentro do programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados Miúdos 2022 do Concello de Betanzos. O espectáculo terá lugar ás 18:00 h na Aula de Cultura Xulio Cuns.

O concerto está destinado a nenos e nenas a partir de tres anos e as súas familias e ten unha duración de 50 minutos. A actividade ten 57 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas de ata dúas persoas adultas. O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto en www.novas.betanzos.gal desde o 16 de maio ás 10:00 h e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición.


Os Sábados Miúdos deste ano 2022 continuarán no mes de xuño co contacontos musical de Cris de Caldas “Comerá o bebé?!”, que terá lugar o sábado 18 de xuño ás 12:00 h na Aula usos múltiples do Edificio Arquivo.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].

“Ramona Órbita e a dona do tempo”

En “Ramona Órbita, a dona do tempo” Pakolas preséntanos o seu último librodisco, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Agosto-2020). Neste novo traballo contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.

Así, a través das cancións e a narración, imos saltando a diferentes épocas. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume, visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento, acode ao Antigo Exipto cun tal  Ramsés que lle cheiran os pés, ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time, etc, todo ata chegar a Benvidas ao Futuro na que cantamos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura.