As obras de mellora da rotonda da Magdalena obrigarán a cortar o tráfico no primeiro tramo da avenida Fraga Iribarne. O corte de circulación será desde o martes ás 09:00 h e prolongarase, en principio, ata o venres.
O dispositivo afectaralle os vehículos que circulan pola avenida da Coruña e que pretendan acceder á avenida Fraga Iribarne que terán que facelo pola avenida do Carregal ou polas As Cascas.
Tamén aos vehículos de gran tonelaxe que se dirixen a Ferrol, provenientes da autovía, estrada de Abegondo ou estrada de Oza. Nestes casos, que habitualmente utilizan a avenida Fraga Iribarne para acceder á estrada de Ferrol, deberán facelo polas Angustias. Haberá sinalización especial nos cruces da zona das Cascas e A Condesa para advertir deste itinerario.
No caso dos escolares que van ao Vales Villamarín, a policía local permitirá a circulación ata o colexio desde O Carregal ou avenida Fraga Iribarne, podendo logo dar a volta na propia avenida, á altura do colexio, ou por diante do propio colexio ata a avenida da Coruña (cruce Bar Barral).
Os traballos inclúen a construción dunha nova glorieta cun investimento próximo aos 200 000 euros.
O proxecto foi solicitado pola alcaldesa ao Ministerio en paralelo á cesión por parte de Estradas da antiga N-VI entre o límite de Betanzos con Coirós e a Ponte Nova, no centro urbano da cidade.
A reforma deste cruzamento supoñerá unha mellora “notable na seguridade viaria” nun dos puntos que conta con maior intensidade de tráfico da cidade. Para a mellora desta zona, a alcaldesa, María Barral, mantivera varias reunións co persoal responsable de Estradas, tanto a nivel galego como estatal. A última, co director xeral de Estradas, Javier Ferreiro, quen se comprometeu nesa reunión, como así se está facendo, a executar as obras expostas desde o Concello, tanto de mellora de sinalización e condicións da antiga N-VI, como a construción desta glorieta para regular o tráfico “nun cruzamento perigoso no que ao longo dos últimos anos se sucederon numerosos accidentes”.
O proxecto, elaborado desde o Ministerio tendo como base a proposta do Concello entregada pola alcaldesa aos responsables de Estradas en Galicia e logo, posteriormente, á Dirección Xeral de Estradas en Madrid, prevé a remodelación do cruzamento para mellorar significativamente a seguridade viaria coa nova glorieta. Ademais, executarase un novo paquete de firmes e reforzarase a sinalización. Ademais desta obra, o Ministerio abordou diversas actuacións de mellora do tramo que será cedido ao Concello, entre Coirós e a Ponte Nova, centradas no acondicionamento do pavimento, a sinalización, a mellora de beirarrúas na zona do colexio de Atocha.