Polo Samaín “Contos de medo que deixan durmir” nos Sábados Miúdos

77

Este sábado 23 de outubro de 2021 ás 18:00 h no cine Alfonsetti tivo lugar o contacontos “Contos de medo que deixar durmir” por conta de Caxoto Contacontos dentro do programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados Miúdos do Concello de Betanzos.

O contacontos estivo destinado a nenos e nenas a partir de 4 anos e as súas familias e ten unha duración de 50 minutos. A actividade ten 45 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que puideron asistir acompañadas dunha soa persoa adulta. 

A vindeira sesión dos Sábados Miúdos terá lugar o sábado 20 de novembro na Sala de Usos Múltiples cos “Contos do chupete” de Migallas Teatro.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].

“Contos de medo que deixar durmir”

Os “Contos de medo que deixan durmir” son iso… contos que tratan do medo pero para afastalo de nós. Ben por que o sacamos á luz… e os medos á luz empequenecen; ben por que nos rimos del ou ben por que aprendemos que os nosos medos soen ser bos conselleiros. Un espectáculo onde pasalo ben, coñecer a nosa historia e a nosa cultura, lembrar os contos que noutrora se xuntaban en torno a unha lareira. Un espectáculo para botar uns risos e papar algún sustiño. Un espectáculo para abrir boca antes de ir durmir.

Nesta sesión Caxoto Contacontos aborda un tema tan delicado para a infancia como é o medo. A través destas 3 historias as nenas e nenos aprenderán a afrontar o medo, a rirse del, a sacarlle proveito e a convertelo nunha porta cara un mundo cheo de aventuras e fantasía. Como sempre Caxoto Contacontos servirase da música, a imaxe e o xogo nunha sesión onde o público serán unha parte máis do espectáculo.