As obras de rehabilitación do Mercado Municipal estarán terminadas a finais de setembro

13

As obras de rehabilitación do Mercado Municipal estarán terminadas a finais de setembro. Así o anunciou o pasado 18 de xullo a alcaldesa, María Barral, despois de visitar o edificio xunto coa Ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez; e a consellería de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, as obras de recuperación do Mercado Municipal que se executan con cargo dos fondos Next Generation e do propio Concello.

A primeira edil destacou a importancia que este edificio “terá na dinamización do centro histórico, como motor desta zona da cidade”. Indicou “a importancia destas convocatorias para que municipios como Betanzos poidan afrontar actuacións destacadas” do mesmo xeito que os plans de axudas para a rehabilitación de vivendas. Neste sentido, anunciou que o Concello iniciará a convocatoria do Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio (Plan Barrios) no que se repartirán 700.000 euros durante os próximos anos en 40 edificacións.

A alcaldesa, María Barral, a Ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez e a consellería de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue atendendo aos medios de comunicación

“Grazas a este tipo de programas xunto co Plan Rexurbe incentívase a recuperación de vivendas nesta parte da cidade. Queda moito, pola complexa situación na que se atopan moitos inmobles, pero creo que estamos polo bo camiño, e que todo isto contribúe a darlle máis vida a unha zona da cidade que ten unha luz propia, como o centro histórico”, indicou a alcaldesa.

María Barral destacou a colaboración entre administracións para lograr obxectivos que son comúns e que a visita de hoxe da Ministra “abre unha porta para tratar, a curto prazo, distintos asuntos que temos sobre a mesa, relacionados co centro histórico, que espero pronto poder concretar e que serán importantes para Betanzos”.