Betanzos inaugurou os actos do programa do 800 aniversario. Galería de imaxes.

4074

O pasado día 13 de febreiro celebráronse os primeiros actos conmemorativos do 800 aniversario do traslado de Betanzos desde San Martiño de Tiobre ao castro de Untia. A xornada deu comezo ás 10:00 horas da mañá coa homenaxe histórica do traslado na igrexa de San Martiño de Tiobre. Posteriormente, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, acompañada pola corporación local e a veciñanza de Tiobre descobriu o monolito no centro social de Betanzos o Vello onde se reproduce o privilexio do traslado firmado polo do rei Afonso IX no 1219.

Xa posteriormente na sala capitular do Concello tivo lugar a recepción oficial onde a alcaldesa , en nome de Betanzos, agradeceu ás distintas personalidades a súa presenza, entre as que se encontraban o presidente da Xunta, o presidente da Deputación, o delegado do Goberno en Galicia, o xefe territorial da Xunta, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Valedora do Pobo, a subdelegada do Goberno, o reitor da Universidade da Coruña, o presidente da Audiencia Provincial, o xefe da Comandancia da Garda Civil, os ex alcaldes de Betanzos, a Comisión de Expertos do 800 Aniversario, os fillos predilectos e predilectos de Betanzos, o ex presidente do Consello de Estado, o presidente de Honra da Fundación Manuel Villuendas, os voceiros municipais, concelleiros e concelleiras, os directores dos centros educativos, as autoridades eclesiásticas, os representantes de asociación e entidades da cidade e os veciños e veciñas.

Tras descubrir outro monolito idéntico ao de Tiobre nas inmediacións do Concello, María Barral, abriu o acto oficial destacando que “hoxe é un día grande para Betanzos. Con este acto inauguramos o programa co que, durante os próximos doce meses, celebraremos o 800 aniversario do traslado de Betanzos desde Tiobre. Un día como hoxe, hai 800 anos, o rei Afonso IX concedíalle á cidade o privilexio para facer o seu traslado e hoxe queremos celebrar este acontecemento único, rememorando a figura de todos os que contribuíron ao fortalecemento de Betanzos e a divulgar os principios que han de conducir o futuro.”

A edil tamén se pronunciou respecto ao destacado papel que todos os veciños e veciñas de Betanzos xogaron ao longo destes 800 anos, destacando que “nestes oito séculos, Betanzos, os betanceiros e as betanceiras, souberon estar á altura, provistas dun carácter e fortaleza singulares, e unha sociedade con estes valores e estas calidades pode alcanzar todos os obxectivos que se propoña. Por iso, quero que o meu primeiro agradecemento sexa para todos e todas os betanceiros e as betanceiras que ao longo destes 800 anos e antes, axudaron a que a nosa cidade sexa apreciada pola súa veciñanza e admirada fóra, facendo de Betanzos, en cada momento da súa historia, a mellor cidade posible, o mellor concello posible, contribuíndo de forma directa a que alcanzáramos sempre os retos que a vida nos propuxo.”

O 800 aniversario é unha cita singular, como ben destacou a alcaldesa, xa que “ son oito séculos cos que queremos poñer de manifesto o peso específico de Betanzos no conxunto de Galicia. E facémolo renovando os principios e valores propios de Betanzos para adaptalos aos tempos.”

De cara á proxección que terán estes acontecementos, María Barral quixo destacar que “aproveitaremos este 800 aniversario para amosarlle ao mundo todo ese patrimonio, tanto artístico como cultural e gastronómico, comercial e turístico. Porque Betanzos, os betanceiros e betanceiras temos moito que ofrecer e todas as ganas do mundo de agradar, de compracer e convencer, porque por algo, un dos trazos que nos caracterizaron ao longo destes oito séculos é a hospitalidade.”

Para concluir, a alcaldesa indicou que “Betanzos seguirá progresando como o fixo ata os nosos días, grazas ao traballo, esforzo e perseveranza dos seus veciños e veciñas, do seu amor pola súa cidade. E asegúrovos que o mellor está por chegar.”

Tamén interviron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo que salientou que “os pasos dados polos galegos, polos españois e polos europeos están representados en Betanzos. A evolución, o progreso, a viaxe incesante polas cidades da historia ata chegar a estas alturas do século XXI, están presentes e vivos na Vila dos Cabaleiros”. Tamén interviu o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, comezando a súa intervención de xeito desenfadado, comentando que “ni Buenos Aires, ni Sidney, ni Nueva York, pero Betanzos sí puede presumir de un 800 aniverario como este”. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “Betanzos é unha das grandes vilas históricas de Galicia”.

Para rematar a mañá de actos que inauguraban o 800 Aniversario do traslado, as autoridades inauguraron a exposición “Oito séculos en oito obxectos”, na praza dos Irmáns García Naveira, na que se recollen en oito paneis fotografías e textos informativos do camiño da cidade de Betanzos nestes oito séculos.