Betanzos instalará puntos violetas os principais días das festas de agosto

5
Durante a Feira Medieval atendéronse e informaron a máis de 230 persoas, sen que se producise ningunha denuncia de violencia de xénero

O Concello instalará Puntos violeta durante as festas de agosto co fin de ofrecer un programa de información, sensibilización e prevención de actitudes e agresións sexistas contra as mulleres.

Os puntos violetas estarán na praza García Irmáns e no campo de Os Caneiros durante as dúas xiras, a do 18 e as do 25. Na praza os días nos que se espera maior concentración de xente, é dicir, os días do Globo, concertos e actuación de París de Noia e Panorama.

A través dos Puntos violeta, a alcaldesa, María Barral, explicou que o Concello “persegue a implicación da sociedade para previr a violencia contra as mulleres e promóvense actitudes de respecto e convivencia”.

A primeira edil indicou que o obxectivo é dispoñer dun programa estable, xa iniciado este ano durante a Feira Medieval, e dispoñer destes puntos violeta en cada celebración importante  reforzando así “a sensibilización contra as agresións sexistas”.

O Concello deu a coñecer tamén os datos da Feira Medieval durante a cal se achegaron  ao momento violeta 231 persoas, con perfís moi diversos, principalmente con idades comprendidas entre 14 e 55 anos. Delas, o 46% eran de Betanzos, en concreto 106 persoas; o 8% doutras localidades da comarca e o 38% (87 persoas doutras partes de Galicia). 19 persoas proviñan de fuera de Galicia ou do estranxeiro (8%).

Os tipos de consulta foron moi diversos. O importante, segundo sinalou a alcaldesa, foi que non se realizou ningunha denuncia por agresión sexual.  126 consultas foron relacionadas con información xeral que ofrece o punto violeta; 104 sobre recursos e servizos específicos; e só un consulta para falar dun caso de violencia de xénero exercido a unha terceira persoa, onde se lle informou sobre os pasos para dar nesa circunstancia. A campaña contra as agresións sexistas nace do interese do Concello  para concienciar e previr as agresións sexistas e dar a coñecer os recursos de orientación, atención e denuncia que se ofrecen desde o Concello e o resto de organismos públicos.

Estes espazos están atendidos por profesionais con formación en igualdade de xénero e prevención da violencia machista. Neles ofrécense ferramentas para detectar e previr a violencia de xénero, identificar estereotipos e prexuízos asociados ao xénero, coñecer as diferentes fases do ciclo da violencia de xénero e os micromachismos, ademais de axudar a vivenciar situacións de desigualdade de xénero a través de materiais divulgativos sobre a igualdade e a violencia machista e escóitaa activa.