Betanzos prepara unha nova edición do “Caneiros en familia” para o 3 de agosto como anticipo das festas

57

O Concello celebrará o 3 de agosto  “Caneiros en familia”, unha romaría organizada coa idea de promover unha xira para que os betanceiros gocen dun día especial, subindo ata Os Caneiros en embarcacións ou a pé e logo alí xantar no campo, a beira do Mandeo, coas viandas que os propios romeus leven. Unha celebración que, especialmente os mozos, non puideron gozar durante estes anos como se facía antigamente.

Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, estableceranse viaxes desde o embarcadoiro da Tolerancia ata o campo de Os Caneiros na embarcación municipal “Diana Cazadora”.

 

 

O prazo de inscrición abrirase o luns, 22, ata o día 29 de xuño. Poderá realizarse nas oficinas do edificio Liceo, de nove da mañá a dúas da tarde, ou nas oficinas de Turismo, de cinco a sete da tarde.

As prazas, 55 en cada viaxe, cubriranse por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os empadroados no municipio. Cada persoa poderá anotar a un máximo de cinco persoas. As viaxes de subida ao campo serán ás 12:00, 13:00 e 14:00 h. mentres os de baixada ás 18.30, 19.30 e 20.30 horas.

Con todo, o Concello espera que tamén se “apunten á romaría” outras moitas lanchas de Betanzos e que ese día “todos os betanceiros demos mostra de como deben celebrarse as xiras dos días 18 e 25 para que o día de Caneiros en familia sexa tomado como exemplo do que deben ser esas dúas xiras”.

O  Concello organiza de novo esta cita para difundir e inculcar  “os valores e tradicións características desta romaría”. O obxectivo non é outro que seguir dando pasos para evitar que se desvirtúe a romaría, un propósito do conxunto de entidades do municipio e dos diferentes partidos políticos.

Será a primeira cita festiva do mes de agosto á que continuarán as festas entre os días 14 e 25 con comitivas (14, e 15), Caneiros (18 e 25); concertos, música coas mellores orquestras, ademais de actividades deportivas e culturais para todas as idades.