A Policía Local e a Garda Civil intensificarán a súa presenza as fins de semana para evitar concentracións de “botellón” en Betanzos

776

A Policía Local e a Garda Civil reforzarán a súa presenza as noites da fin de semana para evitar situacións como as vividas durante a anterior na que se produciu unha “macroquedada de botellón” con máis de 3000 mozos e mozas, segundo a Policía, repartidas en cuadrillas en varias zonas da cidade. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, despois de reunirse en Betanzos coa subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, e representantes da Garda Civil e Policía Local.

Durante o encontro, analizouse a situación xerada a pasada fin de semana con mozos e mozas chegadas de varios puntos da comarca, especialmente de Oleiros, Culleredo e Cambre que ocuparon diversas prazas como a do antigo ambulatorio; o parque infantil situado nesa mesma zona; a rúa Castelao, Rosalía de Castro, a praza do Emigrante ou o paseo da Tolerancia. A Policía Local rexistrou numerosas chamadas da veciñanza, aínda que é certo que non se produciron incidentes.

Por mor desta situación, a alcaldesa mantivo unha reunión nas últimas horas con responsables da Policía Local co fin de reforzar as patrullas da fin de semana e que houbese maior presenza de efectivos, ademais de fixar un encontro coa subdelegada, quen se desprazou hoxe a Betanzos para analizar xunto co Concello e os corpos de seguridade a posta en marcha dunha “serie de actuacións en materia seguridade”.

Froito da reunión desta mañá, reforzaranse os programas de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local, aumentarase a presenza de ambos os corpos durante a fin de semana para evitar “situacións como a vivida na noite do pasado sábado”.

Ao mesmo tempo, o Concello convocará unha Xunta local de Seguridade Extraordinaria nos próximos días para tratar este asunto. A primeira edil agradeceu a disposición da subdelegada do Goberno “que trasladou tamén a súa preocupación e colaboración co Concello e unha proba diso foi a súa presenza esta mañá na reunión mantida en Betanzos”.

A alcaldesa insistiu tamén en que ademais da vixilancia, o Concello programará campañas de concienciación desde Servizos Sociais nos puntos nos que se celebra botellón para tratar de “explicarlle os seus efectos e consecuencias á mocidade”.