García Vázquez solicita en Madrid a colaboración do Ministerio de Cultura nos actos do 800 aniversario da fundación de Betanzos

233

O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, mantivo en Madrid unha reunión co director xeral de Industrias Culturais e do Libro, Oscar de Santa María Gómez-Mampaso e a subdirectora xeral de Cooperación Cultural coas comunidades autónomas, Grial Ibáñez de la Peña, co fin de tratar diversos asuntos relacionados coa celebración o próximo ano 2019 do 800 aniversario da Fundación de Betanzos.

O primeiro edil entregou un dossier con datos históricos da cidade, relacionados coa celebración deste 800 aniversario e un borrador de traballo sobre posibles actividades ou eventos que se pretende desenvolver durante 2019, en concreto, desde o 13 de febreiro ata o 13 de febreiro de 2020. O primeiro edil explicou que nestes momentos o Concello está a recibir diversas achegas tanto a nivel de grupos políticos, como de entidades e veciños a nivel particular co que, a partir de aí, se elaborará o programa  de conmemoración deste 800 aniversario.

O obxectivo da reunión era presentar as bases deste traballo de cara a “solicitar a colaboración do Ministerio de Cultura no desenvolvemento destas, unha primeira toma de contacto” explicou o alcalde “para ir avanzando en diversos aspectos dada a importancia que ten esta celebración, de forma especial para Betanzos pero tamén para a provincia e para Galicia”.

A situación dos orzamentos xerais do Estado e o atraso da súa aprobación “dificulta nestes momentos definir un grao de colaboración por parte do Ministerio coa programación. No entanto, imos seguir traballando na  liña de traballo que temos exposta e establecer novos contactos dentro duns meses. As portas están abertas para fixar esa colaboración” indicou García Vázquez.

O primeiro edil explicou tamén que con esta primeira reunión en Madrid o Concello inicia unha serie de encontros “con representantes de distintas administracións de cara a buscar a súa colaboración para o desenvolvemento do programa do 800 aniversario. Na última entrevista co presidente da Xunta, hai uns meses,  xa lle trasladamos que estabamos a traballar na elaboración do programa e agora retomaremos o asunto tanto co goberno galego como tamén coa Deputación.

Web municipal

O Concello mantén aberto durante un mes, ata o 15 de abril, un período de suxestións ao programa de actos do 800 aniversario co fin de buscar a máxima participación veciñal. As suxestións poden trasladarse vía correo electrónico a través da dirección [email protected]

Paralelamente, o Concello convocará nos próximos días un concurso de ideas para a elaboración da imaxe deste 800 aniversario cuxas propostas, do mesmo xeito que a programación, serán valoradas nunha comisión que será a que decida o gañador do concurso e a imaxe corporativa coa que se identificará calquera acto do 800 aniversario.