Policía Local e Garda Civil acordan intensificar a colaboración con dispositivos especiais de seguridade para a feira medieval e as festas de agosto

24
Xunta Extraordinaria de Seguridade no salón azul do edificio Liceo

Betanzos celebrou unha nova Xunta Extraordinaria de Seguridade para tratar e avanzar sobre os distintos dispositivos de seguridade que se desenvolverán durante a feira medieval e as festas de agosto. A reunión contou coa presenza da alcaldesa, María Barral, a subdelegada do Goberno, María Rivas; así como representantes da Garda Civil, Policía Local e Protección Civil.

A Xunta acordou volver poñer en marcha tanto para os días de Feira Medieval como para as festas os dispositivos especiais que se desenvolveron nos últimos anos. Así, para as xiras a Os Caneiros, haberá presenza de Garda Civil tanto no campo da romaría como no propio río. Ademais, reforzarase a presenza o día do Globo.  Tamén haberá controis da Garda Civil no río durante os días previos á celebración das xiras.

A xunta local acordou intensificar a colaboración durante estes dous próximos meses de Policía Local e Garda Civil comezando  na feira medieval, onde haberá dispositivos especiais de seguridade nas rúas da feira e nos accesos a Betanzos.

Policía Local será a encargada de velar pola seguridade nas rúas do centro histórico, nas que tamén haberá axentes da Garda Civil de “paisano”. A  Benemérita tamén manterá presenza en varios puntos da cidade.

Para as festas de agosto, os dispositivos desenvolveranse os días “grandes” como o 14, 15, 16, 18 e 25 coincidindo cos festivos, o lanzamento do Globo, e as xiras a Os Caneiros, onde se repetirá a formulación da feira medieval. Neste caso, a Garda Civil encargarase da seguridade no campo de celebración, con presenza tamén o río, mentres que a Policía Local estará presente nos accesos por terra ao camiño de Os Caneiros.

A primeira edil indicou que o obxectivo é que todo transcorra con normalidade. “Desde o Concello e subdelegación temos a obrigación de velar pola seguridade e evitar incidentes” e destacou os bos resultados dos anos últimos anos desde que se incrementou a colaboración entre as forzas de seguridade.

A alcaldesa anunciou tamén que tanto na feira medieval como nas festas de agosto haberá un punto violeta municipal co obxectivo de implicar a todas a  sociedade na loita contra a violencia de xénero, facilitando información de como actuar nun caso deste tipo. Será un espazo de atención, información e axuda a vítimas, e para sensibilizar, ao mesmo tempo, á sociedade a loita contra as agresións sexistas nas festas. O pasado ano, durante as mesmas festas pasaron por este punto unhas 350 persoas.