Adif proxecta a construción dun viario entre a N-VI e o porto para a supresión do paso a nivel

18

Adif presentoulle ao Concello a súa proposta para a supresión do paso a nivel do porto, unha proposta na que se recollen as alternativas expostas polo propio Concello para buscar a mínima afectación sobre as vivendas da zona e facilitar, ao mesmo tempo, o acceso á actividade comercial da zona.

A proposta de Adif, que foi presentada o pasado mércores 17, pola alcaldesa aos veciños do contorno do parque Pablo Iglesias e ás persoas responsables das empresas instaladas na zona portuaria, pasa pola construción dunha vía de ligazón, de dobre carril, desde a N-VI. Este viario proxéctase na subida da Magdalena cara ás Angustias cara á zona portuaria.

Esta alternativa evita a construción dunha nova rotonda na N-VI, que pola súa proximidade á da Magdalena, non contaba co visto e prace de Estradas.

O viario proposto permite a incorporación á N-VI nun só sentido de subida, é dicir, en sentido A Coruña. Os vehículos que se despracen en dirección Betanzos terían que cambiar o sentido no cruzamento das Angustias, que se modificará, dentro deste mesmo proxecto, para mellorar a seguridade coa construción dunha rotonda que permita ese xiro.

A proposta presentouse o pasado mércores 17, pola alcaldesa á veciñanza e ás persoas propietarias das naves comerciais da zona portuaria co fin de acordar a resposta do Concello a Adif. No entanto, esta alternativa si que reúne os condicionantes que no seu día manifestaron tanto o Concello como a veciñanza da zona.

Cómpre lembrar que antes de chegar a esta alternativa, Adif expuxo, ao longo destes anos, ata seis propostas que non contaron, nalgúns casos, co visto e prace do Concello polo impacto que supuñan, e noutros porque non eran viables ou non contaban con autorización doutras administracións.

Na zona do actual paso a nivel, como paso peonil, construirase unha pasarela por encima da vía do ferrocarril.