Betanzos colaborará coa Xunta na mellora do pavillón do Vales Villamarín para que as obras se aborden canto antes.

73
A alcaldesa María Barral na reunión coa delegada territorial sa Xunta Belén do Campo

Barral reuniuse o pasado 3 de xullo, coa delegada territorial para ofrecer a disposición do Concello a colaborar aínda que “non sexa unha competencia municipal” á vez que volveu reclamar obras para o centro e en materia de seguridade viaria en varios puntos do municipio

Asuntos relacionados con educación, infraestruturas e equipamentos foron os tres eixes de necesidades de colaboración que a alcaldesa, María Barral, lle expuxo á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, na reunión mantida na Coruña. O obxectivo da reunión, solicitada pola alcaldesa, non era outro que repasar e analizar diversas actuacións que a Xunta ten pendente desde hai anos e que o Concello considera “necesario que se aborden”, en palabras da primeira edil, “algunhas con máis e maior urxencia que outras, aínda que todas necesarias”.

Entre os asuntos abordados na reunión destaca a situación do colexio Francisco Vales Villamarín. María Barral lembrou as dúas actuacións que a Xunta ten pendente de abordar. Por unha banda, a segunda fase do centro escolar, e por outra, e con maior urxencia, a mellora do polideportivo cuberto, que durante os últimos meses non puido ser utilizado con normalidade por filtracións de auga da cuberta “polo que é un problema que debe ser solucionado antes do próximo curso escolar”.

A delegada da Xunta trasladou a intención da Xunta a “atender as peticións do Concello e comunidade escolar” e mellorar a cuberta do pavillón expondo un financiamento ao 50% do custo das obras. Aínda que a primeira edil deixou claro que “non é unha competencia municipal, trasladeille á delegada a miña disposición a colaborar e a cofinanciar as obras se ese é o camiño para que se melloren as instalacións e se emenden os problemas que agora ten o pavillón”.

Neste sentido, amosou a súa satisfacción “por esta vía de diálogo e entendemento coa delegada e a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello” que agarda tamén se execute “noutras actuacións pendentes”.

Canto ao colexio, a alcaldesa solicitoulle a Belén do Campo que se axilicen “o máximo posible os trámites de execución da segunda fase de mellora do centro” despois de que a  delegada lle confirmase que nestes momentos o proxecto en fase de redacción. María Barral lembrou os anos de espera destas obras “longamente demandadas polo Concello e a comunidade educativa”.

A alcaldesa e a delegada abordaron outros asuntos relacionados coa mellora da seguridade viaria en varios puntos do municipio, como Infesta, zona na que a Xunta atenderá a demanda do Concello e a veciñanza con mellora de pavimento e construción dunha zona peonil, eliminando con iso nun punto negro da rede viaria. En Guiliade, a alcaldesa expuxo diversas medidas para incrementar a seguridade que serán estudadas pola Xunta.,

Por último, reclamou actuacións na planta de tratamento de auga que tamén serán estudadas pola delegada e que “para Betanzos son necesarias para seguir mellorando e completando todo o sistema de abastecemento que estamos a abordar nestes momentos”.

A alcaldesa solicitoulle á delegada manter unha nova reunión proximamente, que xa foi solicitada de maneira oficial hai uns días, á que asistan tamén representantes dos clubs deportivos, as entidades e as AMPA e a dirección do Vales Villamarín, para abordar a situación do pavillón, unha vez que no día de hoxe xa se “avanzou sobre esta cuestión entre ambas as administracións”.