Barral mantivo reunións de traballo con Emalcsa para valorar a posibilidade de que Betanzos, nun futuro, se abasteza de Cecebre como alternativa ao Mendo

101

Tras os dous episodios de presenza de Norovirus no río Mendo, nos meses de xuño e xullo, a alcaldesa, María Barral mantivo reunións para propor actuacións a curto, medio e longo prazo, que minimicen os efectos da situación do río, na que o nivel da auga descendeu nestes últimos anos e no que as verteduras río enriba, antes da zona de captación, provocan a presenza deste virus cos problemas que iso supón para o abastecemento do municipio.

A curto prazo, a primeira edil explicou que na última reunión con Augas de Galicia, a empresa concesionaria e Sanidade concretaron unha serie de actuacións e a instalación de novos equipos na planta de tratamento de auga por riba dos estándares que ten un modelo deste tipo para intentar con iso minimizar os efectos que a presenza de Norovirus no río provoca.

Existe agora un compromiso de acelerar as actuacións que estaban previstas na planta a través do proxecto que se está levando a cabo nestes momentos para que termine en catro meses e, de forma paralela, sexa complementado polo Concello e a empresa concesionaria con máis equipamento adaptado ás novas circunstancias do río. Así, entre outras, porase en marcha un novo sistema de filtración e decantación, un sistema de centrifugación de lodo que converterá así á planta na primeira de Galicia con este sistema, un sistema de depósitos en serie e un sistema ozonización para o tratamento da auga.

A maiores, a  primeira edil indicou que na mesma reunión reiterou a petición a Augas de Galicia “para que faga un estudo exhaustivo, palmo a palmo, do río augas enriba da zona de captación co fin de dar coñecer se existe algún punto de vertedura como causante da presenza de Norovirus na auga do Mendo”.

Agora, o seguinte paso da primeira edil é estudar outras actuacións a medio ou longo prazo, valoralas e ver se son viables económica e tecnicamente. Entre esas alternativas, unha delas pasaría por abastecerse do encoro de Cecebre en lugar do río Mendo. “Ademais dos problemas das verteduras, os estudos indican un descenso do nivel da auga no río que continuará nos próximos anos, polo que temos que anticiparnos a esa situación”. Por iso é polo que durante estas semanas se mantiveron dúas reunións de traballo coa dirección de Emalcsa.

A proposta é abastecer a planta de Betanzos coa auga de Cecebre. Hai unha proposta enriba da mesa e agora haberá que afondar nela, “analizar os custos, e ver se é posible levala a cabo”. En principio, tras as conversas con Emalcsa, “a alternativa pasaría por abastecer a nosa planta desde o depósito que hai no polígono de Bergondo, á beira da N-VI. Desde ese depósito, onde chega a auga desde A Telva, canalizaríase ata o depósito municipal do Coto, a través de máis de 10 quilómetros de tubaxe. Evidentemente estamos a falar dun investimento de varios millóns de euros, indicou a alcaldesa.

“Faltan por concretar varias cuestións para coñecer exactamente o investimento que faría falta e os lugares polos que se prolongaría a rede desde o depósito de Bergondo ata o do Coto, que, en principio, se proxectaría por viarios públicos” explicou María Barral.