Betanzos amplía a demanda por falta de pagamento de alugueiro e por cesión ou subarrendamento sen o consentimento do Concello do Hotel San Roque

237
Hotel San Roque situado no antigo asilo Manuel Naveira

O Concello ampliará a demanda contra a entidade mercantil Complexo San Roque por incumprimento do pagamento da renda do contrato de alugueiro do antigo asilo Manuel Naveira á entidade Hotel Vila de Betanzos despois de que se puxese de manifesto pola vía xudicial a existencia dunha “cesión ou subarrendamento” inconsentido do local sen a comunicación a este Concello.

A decisión de ampliar a denuncia por parte do Concello está avalada polos informes dos servizos xurídicos municipais despois de comprobar que tras a demanda presentada ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos, en abril de 2021, contra a entidade mercantil Complexo San Roque S.L. pola cesión de uso e incumprimento de contrato compareceu na sede xudicial o apoderado do Hotel Vila de Betanzos e manifestou que no enderezo das citacións xudiciais non existía Complexo San Roque senón que se atopaba Hotel Vila de Betanzos” e que este hotel “non ten ningunha relación con Complexo San Roque nin nada que ver con el”.

A comparecencia do apoderado reflicte para o Concello a existencia dunha cesión ou subarrendamento inconsentido do local sen ningunha comunicación ao propio Concello, titular e arrendador deste, polo que, para ter “configurada correctamente a relación xurídico procesual é preciso formular demanda, ampliando a xa existente, contra quen indica agora que está a ocupar o local: Hotel Vila de Betanzos S.L.”.

O Concello iniciará todas as accións xudiciais de reclamación das rendas debidas e non aboadas, de resolución do contrato de aluguer por falta de pagamento de rendas, e por incumprimento do contrato de alugueiro, así todas as demais que se deriven deste contra as entidades Complexo San Roque e Hotel Vila de Betanzos, derivadas do alugueiro do asilo Manuel Naveira, ampliando así a demanda inicial contra Complexo San Roque que deu orixe ao xuízo ordinario.

Inicialmente o Concello reclamou que a entidade Complexo San Roque, que tiña alugado o asilo Manuel Naveira, non aboara as rendas correspondentes aos anos 2018, 2019, 2020, e 2021 e o IVE do importe ingresado en concepto de renda dos 2016 e 2017. A maiores tampouco constan no Concello os avais, a póliza de seguro de responsabilidade civil fronte a terceiras persoas que se esixía no contrato, e advertíase na denuncia a posible existencia dun subarrendamento ou cesión do local sen que este estivese notificado ao Concello, que é o arrendador, algo que agora parece confirmarse coa comparecencia do apoderado de Hotel Vila de Betanzos.