Betanzos analiza coa empresa adxudicataria do Ministerio o proxecto de ampliación da rede de fibra óptica

13
A alcaldesa, María Barral xunto a persoal técnico do Concello e representantes da empresa Rede Aberta

O Concello mantivo unha reunión de traballo cos representantes da empresa Rede Aberta,  empresa adxudicataria por parte do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública para a ampliación da fibra óptica no municipio. O persoal técnico do Concello e a alcaldesa, María Barral, trasladáronlle os problemas que ten a veciñanza de varias zonas que aínda non dispoñen de servizo de fibra óptica e outra que, aínda que dispón do servizo de rede, aínda non teñen servizo. Entre as zonas afectadas están as de Castro, A Tellada, Viladesuso, Guiliade-Infesta e Mandeo, entre outras zonas.

Durante os últimos anos mantivéronse diferentes reunións co persoal responsable das empresas instaladoras e delegación do Goberno en Galicia para impulsar diversas actuacións que permitisen aumentar o servizo a zonas con alta demanda. Froito desas conversas e as peticións realizadas de maneira oficial á Secretaría de Estado de Telecomunicacións desenvolvéronse traballos na zona de Montellos para continuar logo en Piadela, que deben ser completados agora noutra fase.

O goberno local comprobou que, a pesar do esforzo realizado, aínda existen núcleos ou casas onde a rede non chega a rede polo que a Alcaldía se reuniu coa empresa adxudicataria para  analizar a situación.

A alcaldesa explicou que a Secretaría era coñecedora da situación xa que no seu momento, a exministra e vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, recolleu en primeira persoa os problemas que existían para darlles solución. De feito, ademais de Montellos e Piadela, estaba prevista a extensión da fibra a Viladesuso e Castro, para cubrir tamén núcleos que ata o de agora non contaban con ela e nos que había interese e necesidade por parte de moita veciñanza. A estas zonas súmanse á do Tarreo, na que tamén se efectuaron traballos.

A alcaldesa confía en que logo da reunión coa empresa se poidan atender as distintas situacións expostas  e se amplíe a zonas que nestes momentos “parece que quedan illadas”. María Barral agradeceulle aos representantes da empresa adxudicataria a disposición para solucionar a situación da veciñanza de diversas zonas para que dispoña de servizo a curto/medio prazo.

A empresa dispúxose a atender á veciñanza que estea nesta situación para que lle traslade as súas necesidades a través da súa páxina web www.redeaberta.gal

Por outra banda, o goberno local explicou que tamén se pedirá un estudo sobre puntos concretos do municipio nos que existe “sombra” canto á cobertura, algúns deles na propia cidade, para que “se revisen e na medida do posible se poida mellorar a cobertura dadas as queixas que tamén recibimos no Concello”.