Betanzos continúa o plan de renovación de rúas coa mellora de Pintor Seijo Rubio

894
Rúa Pintor Seijo Rubio

O Concello continuará o plan de renovación de rúas coa mellora de Pintor Seijo Rubio, a través dunha actuación que supoñerá un desembolso de 254.988,35 euros dentro do POS+2019. O proxecto contempla a substitución de rede de sumidoiros e a recollida de pluviais. Á súa vez, renovaranse as beirarrúas e os pasos de peóns da rúa do mesmo xeito que se fixo nos proxectos das rúas Venezuela, Alcalde Beccaría ou Alcalde Tomás Dapena.

Como consecuencia da optimización de trazado das beirarrúas, exponse ademais a preinstalación de conducións e arquetas para a futura instalación dun sistema de iluminación. Anchearanse as beirarrúas, mellorarase o seu trazado e proxectaranse ensanches para os pasos de peóns. Repintaranse os sinais do chan e o equipamento urbano existente de maneira homoxénea. Substituiranse todas as tapas das instalacións e repoñeranse os elementos afectados polo paso do tempo.

Por outra banda, delimitarase a zona de aparcadoiro, así como o aproveitamento das beirarrúas para o novo trazado dos pasos de peóns. Eliminaranse as barreiras arquitectónicas para persoas con mobilidade reducida. Reporase a sinalización viaria por completo, e incluirase a anteriormente citada área de aparcadoiro. Instalaranse papeleiras e bolardos fixos. O firme renovarase para dar paso a un máis consistente e homoxéneo en todo o seu conxunto, co que se aumentará a seguridade viaria tanto dos peóns como dos condutores e condutoras.

Praza Enrique IV

Por outra banda, tamén se acaban de adxudicar as obras de substitución das redes de abastecemento de auga e saneamento da Praza Enrique IV. Renovarase a rede existente con tubaxes de polietileno e as acometidas domiciliarias de auga potable, e retirarase a tubaxe antiga de fibrocemento con amianto. O proxecto recolle a reposición de todas as beirarrúas existentes afectadas polas obras; as roturas nas zonas de praza interior e as zonas que lindan co río. Manterase o mobiliario público, repoñeranse bancos, papeleiras, farois e árbores.