Case medio cento de persoas participan na primeira xuntanza para a creación da comunidade enerxética de Betanzos.

196

Cerca de medio cento de persoas participaron na primeira xuntanza para a creación  da  comunidade enerxética local que o Concello pretende poñer en marcha para axudar á cidadanía, empresas e comercios a reducir a súa factura, utilizando as enerxías renovables e, ao mesmo tempo, impulsar un modelo máis sustentable con enerxías renovables e mellorar así a eficiencia enerxética de edificios e instalacións.

A xuntanza serviu para explicar os pasos que se van a dar de cara a constitución da comunidade para a que o acaba de sacar unha nova web corporativa www.betanzosenerxia.com con información para aquelas persoas que estean interesadas en formar parte deste proxecto.

O obxectivo é impulsar a Comunidade Enerxética local como instrumento idóneo para responder os retos do cambio climático e á vez desenvolver un modelo de empresa de economía social tendo en conta que este tipo de comunidades enerxéticas son entidades xurídicas, formadas por unha agrupación de socios (como persoas físicas, asociacións, pemes, administracións públicas…), que voluntariamente e con participación cooperativa, establecen os seus obxectivos na obtención de beneficios enerxéticos, sociais, ambientais e económicos, para os membros da comunidade.

Para o goberno local a creación da comunidade enerxética suporá un compromiso coa sustentabilidade e a acción social cooperativa, pero tamén coa oportunidade de mitigar a pegada ecolóxica municipal a través da participación de edificios e instalacións municipais dentro da comunidade enerxética.

Nos estudos técnicos preliminares, a xeración de enerxía realizarase a través de sistema fotovoltaico aproveitando para iso os edificios municipais situados na zona do Carregal. Desta forma, o obxectivo sería reducir o custo do consumo eléctrico municipal.

Con todo, ao tratarse dunha comunidade enerxética, abriríase un proceso para que formasen parte dela particulares e empresas que estivesen interesadas nesta fase, con ese mesmo obxectivo, “brindar beneficios económicos, sociais e ambientais”. Por lei, desde O Carregal abarcaríase un radio de 2000 metros para cubrir a todos aqueles particulares e empresas que se quixesen adherir á comunidade.

Outro dos obxectivos que o goberno local persegue con esta comunidade é que familias con menos recursos poidan ter beneficios a través do Concello como principal axente e impulsor do sistema. Tamén o centro histórico entraría dentro da zona de influencia do sistema de paneis fotovoltaicos co que “moitas persoas particulares terían unha alternativa ante as dificultades de colocar agora mesmo paneis nas súas vivendas pola protección das edificacións”. En todo caso, o proxecto recollerá, esa é a intención, outras fases e outras comunidades para darlle cobertura a máis zonas da cidade que non entrarían no radio de dous quilómetros marcados por Lei”.