Betanzos pecha a zona histórica do Pasatempo despois de que se desprendese unha parte do quiosco do Estanque

1014

O Concello pechou o acceso á zona histórica do parque do Pasatempo despois de que se producise un desprendemento nunha parte do quiosco central do Estanque. O Concello informou da situación á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que os seus técnicos avalíen a situación e indiquen ao Concello as medidas a tomar con carácter urxente, tendo en conta que é a Xunta, ao iniciarse a tramitación do expediente para declaralo Ben de Interese Cultural, a que pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, debe establecer e autorizar calquera actuación.

O desprendemento desta parte do quiosco, que contiña a representación dun barco, produciuse esta mañá coincidindo cos labores de baleirado da auga do estanque. Estes traballos realizábanse por mor das indicacións realizadas polo persoal técnico que redactou o anteproxecto de recuperación do parque e que, entre outras cuestións, expuxo o apontoamento do quiosco e a adopción de medidas de seguridade, mentres non levaban a cabo os traballos de recuperación deste.

Entre eses traballos figuraba o apontoamento do quiosco, que xa se realizou, e diversas actuacións como o selado dalgunha greta (que estaba na zona que hoxe se desprendeu) e outras medidas de seguridade. Para saber con exactitude o grao de afectación desta greta e proceder ao seu selado era necesario rebaixar o nivel da auga do estanque e por iso é polo que se iniciou onte a baleirado da auga.

Estes traballos de selado e diversas actuacións de seguridade están contemplados nunha partida de 50 000 euros aprobada no Pleno do pasado mes de setembro para obras de urxencia no parque do Pasatempo, a executar mentres non se contratan os traballos previstos no proxecto técnico de recuperación da zona histórica que redacta a Xunta.

A partida destinarase agora a realizar os traballos que, segundo Patrimonio, haxa que realizar no quiosco.

O goberno local anunciou nos últimos días a súa intención de presentar emendas aos orzamentos da Xunta para que se inclúa unha partida para o Pasatempo que complete o investimento de 750 000 euros comprometida polo Concello e a Deputación Provincial a través dun convenio. O feito de non contar co proxecto técnico desde un principio atrasou a sinatura do convenio, aínda que, o compromiso da Deputación co Concello mantense inalterable. Nos últimos días completouse diversa documentación polo que se espera que a sinatura poida ser efectiva en breve. A partir de aí agárdase que a Xunta dispoña dunha partida importante tamén para completar este investimento inicial de 750 000 euros.