O Concello ampliará o programa de limpeza viaria a todo o centro histórico e os soportais para logo estendelo a todos os barrios da cidade

82

Desde hai unhas semanas o Concello está a acometer un programa de limpeza viaria que durante os próximos días centrarase nas rúas do centro histórico. A actuación afectará a toda a zona e ampliarase cos soportais e a Fonte de Unta.

O programa de limpeza ampliarase a todos os barrios da cidade de forma paulatina. Ata agora xa se executou, nestas primeiras semanas, en Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Pintor Seijo Rubio, no Pasatempo e no resto de parques, A Condesa e gran parte do barrio da Ribeira.

Os traballos son executados por dous grupos que, por exemplo, a semana que vén, repartiranse entre o centro histórico e os Soportais e rúa dos Ánxeles. Ademais da limpeza, os operarios están a probar novos produtos hidrófugos co fin de evitar, especialmente na pedra, a sucidade. Unha vez completado o centro histórico e a zona de Soportais, os traballos continuarán na avenida Jesús García Naveira e doutor Fariña antes de estendelos  ao resto de barrios e completarase, de cara ao verán, cun reforzo no servizo.

Ademais da limpeza de rúas, de forma paralela está a realizarse unha mellora nas zonas verdes da cidade e nas xardineiras.

Consorcio

Por outra banda, o Consorcio das Mariñas renovou diversos colectores que estaban deteriorados, un cambio que continuará nalgúns puntos do centro urbano e que tamén se prolongará á zona rural do municipio. Esta substitución de colectores únese á revisión dos depósitos subterráneos e á limpeza en profundidade dos propios colectores que o Concello pediu ao Consorcio que se potencie durante os meses de verán.

Neste sentido, efectuarase un seguimento de diversos colectores nos que algúns establecementos hostaleiros verten de forma directa os seus residuos o que produce fortes cheiros que nos días de calor se fan máis notorios. Apercibirase a eses establecementos e a calquera outro particular que non respecte as normativas e verta directamente o residuo sen bolsa, coa sanción que corresponde.