O Concello asumirá outros catro anos máis a xestión directa do comedor escolar e mañanceiros, e achegará o 25% do custo total do servizo.

251

O goberno local achegará 376.000 euros para cubrir durante os anos do contrato as bonificacións do alumnado que van desde o 20% ao 100% do custo e das que este ano se viron beneficiados 226  alumnos e alumnas.

O Concello seguirá xestionando outros catro anos o servizo de comedor escolar e mañanceiros. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, quen incluíu este asunto na orde do día do Pleno que tivo lugar o pasado 26 de outubro, co fin de aprobar a licitación do servizo durante dous anos, prorrogables a outros dous. O Concello pretende así manter un servizo esencial para alumnos e familias, dentro tamén das medidas de conciliación, cuxa xestión directa iniciou en 2013 recollendo a testemuña da ANPA que ata ese momento se encargou. A partir dese ano o Concello encargouse da xestión a través dun contrato de servizos que agora é necesario licitar de novo debido á finalización deste e ás prórrogas que xa se fixeron.

Para a elaboración dos novos pregos se tivo en conta a experiencia destes anos achegada desde  o departamento de Servizos Sociais, incluíndo así aspectos que se consideraron que podía mellorar o servizo tanto desde o punto de visto de xestión como desde o punto de vista de funcionamento do comedor. O servizo ten un custo anual de 417.000 euros.

Deles, o Concello asumirá algo máis de 100.000 euros, é dicir, o 25% do custo do servizo, e desviará esta cantidade para bonificacións establecidas, reguladas a través da ordenanza do prezo de comedor e madrugadores, que en función da renda per cápita, prevé descontos que van desde o 20% ao 100%, con importantes bonificacións para familias con dous irmáns ou irmás, que chega ao 70% para o segundo, e para familias numerosas cunha bonificación do 65% cada alumno ou alumna. Para familias en risco de exclusión social a subvención alcanza o 100%. Así, en previsión dese gasto anual, o Concello achegará para o servizo 376.429 euros para cubrir as diferentes anualidades.

Nestes momentos, o servizo de comedor ten un total de 434 usuarios e usuarias dos que 143 son de Infantil e 291 de Primaria. Destes últimos, 144 teñen algún tipo de bonificación con 44 alumnos/as ao 100%. En canto a educación Infantil, dos 143 alumnos e alumnas que  están no servizo, o Concello bonifica a 82, dos que 24 teñen subvencionado o 100% do custo.

A alcaldesa insistiu en que se trata dun servizo “que o Concello non quere eludir porque é básico para a conciliación da vida familiar e laboral, para a igualdade de oportunidades das persoas con menos recursos e para incidir en hábitos saudables desde o punto de vista da alimentación”.