O Concello comeza a reforma da Cerca unha vez finalizadas as obras na Fonte de Unta e Ferradores

1058
Obras na porta do Cristo da Ribeira

O Concello comezou esta semana as obras de mellora da Cerca. Os traballos, que se realizan a través dun plan provincial,  forman parte dun programa de mellora de rúas do centro histórico e únense aos de Ferradores e Fonte de Unta, que en conxunto alcanzan os 450 000 euros de investimento.

A rúa da Cerca é unha das rúas máis importantes do centro histórico. O proxecto contempla a execución dunha serie de infraestruturas destinadas a mellorar a rede de saneamento e abastecemento, así como a pavimentación co derrubamento do pavimento de formigón e chapacuña existente en calzada e beirarrúas; provisión dos banzos e laxas de granito existentes en Porta do Cristo e das pedras de granito que forman parte do actual pavimento de calzada nos entroncamentos coas distintas travesías.

O proxecto, que segue a liña do executado na rúa Nova, prevé a colocación dun novo pavimento de laxas de granito de 10 cm de espesor na rúa da Cerca e de 6cm de espesor na Travesía Lanzós coa colocación dos banzos e laxa de cantaría previamente levantados en Porta do Cristo e Ponte Vella; e a reposición pavimento de chapacuña e laxas de granito en entroncamento coas distintas travesías.

Ademais substituiranse as canalizacións da rede de saneamento, augas pluviais e abastecemento; con novos pozos de rexistro de aneis prefabricados de formigón, sumidoiros con arqueta de formigón e acometidas das baixantes dos edificios á rede xeral.

Os traballos coordinaranse coas obras de recuperación das vivendas adquiridas pola Xunta para programar as actuacións. Debido a estas obras, a rúa permanecerá cortada parcialmente en función do desenvolvemento do proxecto. Entre as zonas afectadas neste inicio de traballos atópase a porta do Cristo, que permanecerá cortada ao paso de peóns durante días.

Unha vez concluídos os traballos na rúa da Cerca, que se desenvolverán por tramos, executaranse os da travesía de Lanzós.

Outra das obras que o Concello acaba de finalizar é a mellora da rúas Ferradores e da Fonte de Unta. En ambas as dúas substituíuse o pavimento por laxas de pedra granítica na zona de paso de vehículo para evitar así o levantamento continuo das pezas de chapacuña.