O Concello e Patrimonio fixan as bases para protexer a entrada á gruta localizada no centro histórico durante as obras de mellora da rúa Santa María

190
O concelleiro de infraestruturas Diego Fernández

O Concello e Patrimonio supervisaron o pasado 26 de outubro, o tramo da rúa no que se localizou un pasadizo subterráneo nas inmediacións da igrexa de Santa María. O persoal técnico de ambas as administracións analizou o acceso á gruta para definir as actuacións que agora se realizarán e estarán centradas en documentar o achado e nos labores de protección que Patrimonio ditaminará.

En canto se adopten estas medidas e teñan o visto de Patrimonio, reanudaranse os traballos no tramo onde se realizou o achado. Na outra parte da rúa as obras continuarán tal e como estaba previsto.

O concelleiro de Obras e primeiro tenente da alcaldesa, Diego Fernández, explicou que o Concello se adaptará ás indicacións de Patrimonio e realizará todas aquelas actuacións que teña que desenvolver o antes posible para que esta situación atrase o menos posible os traballos na rúa.

Agradeceu, neste sentido, a colaboración de Patrimonio e do persoal técnico que esta mañá se desprazou a Betanzos tras atender a chamada do Concello e a boa disposición e sintonía entre as administracións para “definir as actuacións para protexer o que parece ser unha das grutas ou pasadizos subterráneos do centro histórico sobre os que apenas se ten coñecemento canto ás localizacións exactas, características, lonxitude e estado”.

Os traballos de mellora da rúa reanudaranse coa máxima cautela xa que, aínda que en principio a gruta non pasaría polo extremo oposto ao que foi localizada, “ao non dispoñer de máis datos nin ter unha aproximación de por onde se pode prolongar o pasadizo, pedíuselle á empresa que as obras se desenvolvan con máxima cautela para, como foi o caso de onte, de aparecer un novo tramo, este non se dane.

As obras en Santa María enmárcanme na política de rehabilitación de vías e espazos públicos situados en zonas significativas dentro do centro histórico. Neste caso prevese a pavimentación e a mellora dos servizos.

A finalidade de todas estas actuacións é reforzar os valores arquitectónicos e espaciais da zona e contribuír así á revalorización patrimonial, social e turística desta parte da cidade. A rúa está localizada nunha zona dun grandísimo valor cultural, artístico e patrimonial dentro do centro histórico da cidade, concretamente está situada no contorno do conxunto monumental formado polas igrexas de Santa María do Azougue e San Francisco, ambas as dúas pertencentes ao gótico tardío, fundadas no século XIII, construídas no século XIV.

Dadas as características da rúa no que se refire ao seu trazado e dimensións propúxose unha pavimentación con lousas de cantaría, sen desniveis, seguindo a pavimentación realizada noutras rúas próximas. As obras contemplan a substitución dos servizos de abastecemento, recollida de residuais e recollida de pluviais coa finalidade de renovar unhas canalizacións obsoletas e solucionar os problemas existentes nestas redes, a mellora da deficiente iluminación pública, a futura eliminación dos cruces aéreos de electricidade e telefonía e a substitución do actual pavimento de chapacuña e pedra por un pavimento de lousas de granito en toda a rúa.