O Concello fará unha consulta pública para recompilar datos de apoio na redacción do Plan Xeral de Ordenación Urbana

1160

O Concello iniciou hai unhas semanas a redacción do novo planeamento urbanístico, un traballo que se prolongará durante varios anos pero que sentará as súas bases nestes primeiros meses. Dentro da liña de buscar o maior consenso e participación, o goberno local realizará distintas reunións ao longo do ano cos grupos políticos da corporación local e o equipo redactor para analizar de forma pormenorizada diversos aspectos sobre o planeamento, para que cada grupo poida facer as súas propostas e sexan tratadas tecnicamente polo equipo redactor.

Paralelamente, seguindo a liña de participación cidadá levada a cabo na consulta de ordenanzas, programación do 800 aniversario da cidade, a Feira Medieval ou o tráfico no casco histórico, entre outras, o Concello prepara tamén para os vindeiros días unha consulta pública sobre o Plan Xeral que se realizará a través da web municipal www.betanzos.gal

Para o primeiro dos casos, as reunións cos grupos políticos, realizaranse xuntanzas temáticas, unha ao mes, centradas en aspectos fundamentais de ordenación urbanística de Betanzos. Entre elas: o casco histórico; o plano baixo da cidade (zona Pasatempo, Carregal); Infesta; análise de planeamento anterior; mobilidade e estacionamentos; sistemas dotacionais de espazos públicos e solo rústico e núcleos rurais.

Canto á participación da veciñanza, nesta primeira fase o Concello colgará unha enquisa, cun formulario na web. A dimensión pública do Plan Xeral, a súa incidencia nas condicións de vida da poboación, no desenvolvemento da actividade económica e social, e mesmo na regulación do uso do solo, require da atención e participación social, da cidadanía e dos particulares, segundo o goberno local.

O obxectivo é coñecer de primeira man nesta fase de consultas as demandas que ten a veciñanza sobre temas como dotacións, accesibilidade, áreas de estadía, impactos detectados… a través dunha enquisa onde quede reflectida a valoración e as demandas que a veciñanza ten en temas referidos á situación actual do termo municipal no eido dos servizos urbanos, áreas dotacionais, e accesibilidade entre outras cuestións.

A enquisa incluirá, en concreto, á análise dos servizos urbanos (abastecemento, saneamento, electricidade, telefonía, gas…); áreas de estadías (sanitarias, educativas, deportivas, culturais, zonas verdes, parques infantís, áreas comerciais, servizos públicos); accesibilidade (percorridos peonís, tráfico); transporte público (ferroviario, autobús, taxi); valores do contorno; e principais impactos (ruídos, mala accesibilidade…). A veciñanza poderá explicar as anomalías, incidencias detectadas, e cualificar cada apartado en varios niveis de satisfacción: alto, medio ou baixo; e o seu funcionamento, en cada caso, que pode ser bo, regular ou malo.