O Concello inclúe nun programa de mellora de edificios municipais diversas actuacións no lavadoiro público das Cascas

1253
Lavadoiro das Cascas.

O Concello sacou a contratación as obras de mellora de diferentes edificios municipais, entre eles, o do lavadoiro das Cascas. Nesta fase, os traballos céntranse no seu pintado interior despois de abordar a súa restauración en sucesivas fases dada a súa envergadura como a cuberta, pintura exterior, reparacións na estrutura do piso de madeira, etc. Os paramentos na planta baixa presentan deterioracións nalgúns puntos, limos, salitre, graffitis. Neste caso, os tratamentos que se propoñen son os de lavado e saneado dos paramentos, coa eliminación de limos, sales, e pintura, etc. Con todos os medios necesarios hasta obter un soporte consolidado e sen restos de pintura.

Sobre este soporte, vaise reparar os descascados que se produzan con morteiros de reparación ata obter superficies homoxéneas e lisas, e por último acabar con pintura permeable ao silicato. O paramento lateral en contacto cas liñas de lavado contén o terreo e está exposto ao contacto ca auga do río. Foi reparado recentemente dunha fenda con morteiro de cal para recheos en cachotaría e co mesmo criterio proponse agora para esta superficie unha actuación de renovación do revestimento a base de cal natural, sen compoñentes químicos que, en caso de algún contacto co río non contén ningún compoñente contaminante.

O conxunto das actuacións que se contemplan son de restauración e mantemento de revestimentos, pretenden favorecer a conservación do inmoble e non afectan nin a estrutura nin á configuración do edificio. As obras a realizar vanse levar a cabo no interior do espazo do lavadoiro polo que non se prevé afectar con ningún tipo de vertedura ao río. De todos os xeitos, os materiais a utilizar son cal natural e pintura ao silicato que son materias sen produtos químicos. Tomaranse as precaucións necesarias par que ningún refugallo da obra vaia a parar ao canle fluvial.

Estas novas actuacións súmanse as xa executadas e que incluíron a restauración e reparación da cuberta; a limpeza e reparación e pintado das fachadas exteriores, e o amaño da estrutura de madeira do primeiro andar, a reparación dun muro do edificio e a estrutura da escaleira que estaba afectada por corrosión. Substituíndo o pavimento de madeira da escaleira interior e reparando as varandas, todo isto para garantir a estabilidade estrutural, a seguridade de uso, e a conservación de todos os elementos orixinais e devolver ao seu estado inicial os elementos transformados.

Restan aínda actuacións a levar a cabo para devolver ao edificio parte do seu esplendor orixinal coma os peches da planta superior que están deteriorados tanto os que se manteñen do seu deseño orixinal de celosía de lamas metálicas como os transformados con ladrillo. A restauración e recuperación do conxunto requirirá dun proxecto máis completo ou de propostas sucesivas de intervención.

O lavadoiro público de Betanzos construído no ano 1901 á beira do río Mendo, por iniciativa do filántropo Jesús García Naveira segundo proxecto do enxeñeiro Estanislao Pan y Pérez é un edificio singular e único polas súas dimensións, capaz de ser usado por 49 lavandeiras ao tempo, pero sobre todo pola súa concepción de edificio nobre para albergar un uso cotián e de servizo.