O Concello interpón unha denuncia para investigar a autoría dos actos de vandalismo que lle afectaron o centro social de Guiliade

11

O Concello interpuxo unha denuncia para que se investigue a autoría de quen provocou desfeitas no centro social de Guiliade. Os actos vandálicos afectáronlle a todas as plantas do edificio. Están afectados os teitos, as paredes, as xanelas, e parte da pista deportiva como consecuencia da vertedura dos extintores, cuxo po se estendeu por todas as superficies.

O Concello encargará a limpeza das instalacións para que se executen nos próximos días, xa que “a situación na que se atopa requirirá varios días de traballo”.

O Concello lamenta o trastorno que esta situación lle poida producir ás entidades e á veciñanza que utiliza as instalacións á vez que condena a falta de civismo. Apela a que se algún veciño ou veciña dispón de información con respecto a este tema  lla faga chegar aos corpos e forzas de seguridade.

En paralelo a esta limpeza, o Concello reforzará as medidas de seguridade nas instalacións como fixo noutros puntos do municipio, zonas públicas que nos últimos meses tamén se viron afectadas por actos de vandalismo.