O Concello remata xunto con Abegondo, Carral, Paderne e Coirós, o Obradoiro de atención sociosanitaria onde espera a colocación do 80% do alumnado

540

Nestes momentos 11 alumnos e alumnas que contan con ofertas en firme e outros 5 con posibilidade real de contratación nun breve prazo de tempo

O Concello xunto a Abegondo, Carral, Coirós e Paderne concluíu hoxe o Obradoiro de Emprego  “Formación para a Empregabilidade”, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade  e coofinanciado polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social que tivo unha duración de nove meses.

O Obradoiro de Emprego consistiu nun programa mixto de emprego e formación dirixido a persoas desempregadas no que participaron un total de vinte persoas que durante nove meses realizaron unha formación específica nos certificados de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Ademais realizaron módulos transversais en prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilización en igualdade de xénero, orientación laboral e formación empresarial.

O obxectivo dos obradoiros de emprego é que o alumnado participante obtivese o certificado de profesionalidade que os habilite para traballar en calquera dos centros de atención sociosanitaria para persoas dependentes ou en calquera servizo de axuda no fogar. Esta habilitación é válida para traballar en calquera Comunidade Autónoma. Ademais adquiriron as competencias e ferramentas necesarias para realizar unha busca de emprego que lles facilite a inserción laboral.

Os 10 alumnos e alumnas que realizaron a formación de atención sociosanitaria a persoas no domicilio realizaron as prácticas profesionais non laborais no Servizo de Axuda no Fogar do Concello Betanzos.  Os outros 10 alumnos e alumnas do Obradoiro, que están a realizar o certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, fixeron estas prácticas non laborais na Residencia García Irmáns e no Centro Pai Menni de Betanzos.

 

A previsión de inserción laboral, segundo explicou a alcaldesa de Betanzos, María Barral, é dun 80% do alumnado. Nestes momentos, xa contan con ofertas en firme 11 alumnos e alumnas e a posibilidade real de contratación outras 5 nun breve prazo de tempo. Estes datos reflicten para a primeira edil a importancia que ten esta formación para facilitar a inserción laboral e a aposta dos concellos por seguir impartindo estes obradoiros, xunto á Xunta, “de maneira conxunta e tendo en conta os datos de inserción alcanzados durante estes últimos anos en todos so proxectos desenvolvidos en conxunto polos nosos concellos o que fai que sigamos nesta liña de traballo e colaboración no futuro”.