O Concello saca a contratación as obras de mellora do edificio Liceo, convento de Santo Domingo e cine Alfonsetti

1012
Cine Alfonsetti

O Concello sacou a contratación, dentro dun plan provincial, as obras de mellora no edificio Liceo; Claustro do antigo Convento de Santo Domingo e Cine Alfonsetti, dentro dun programa de acondiconamento de patronio municipal. No edificio Liceo as obras inclúen a reparación da fachada na que se sitúa o acceso á planta principal, con unha humidade que chega ao interior e atópase cun enfoscado de cemento e unha pintura non permeable.

Para completar esta actuación e favorecer o acceso fácil a tódalas persoas xorde a conveniencia de substituír o sistema de portas abatibles de acción manual existentes por portas automáticas corredeiras de acceso as oficinas municipais.

Dun análise inicial, dedúcese que o edificio precisa dunha intervención xeral que afronte a mellora do illamento e impermeabilización do conxunto de cuberta e fachadas. As obras que se propoñen céntranse en tres puntos pero pretenden ser o inicio de futuras intervencións. En concreto preténdese paliar o efecto invernadoiro do lucernario, recortando a temperatura interior, tratar o paramento da fachada de entrada á planta alta polo interior e dos entrepanos da fachada sur polo exterior. As propostas de actuación resúmense na seguinte relación:

No lucernario: Para determinar as actuacións neste elemento téñense valoradas varias opcións alternativas co mesmo propósito de mellorar o seu comportamento térmico . A primeira posibilidade sería a de substituír o material do actual lucernario, pranchas de policarbonato, por outro máis eficiente en canto a transmitancia calorífica; unha segunda opción a considerar sería instalar un sistema de protección superior, orientable e mecanizado que controlara o paso de luz e calor segundo as necesidades , e por último crear filtros sinxelos de aplicar que reduciran os efectos que provoca o exceso de radiación.

Valoradas as diferentes opcións óptase pola terceira en tanto que con ela se consigue cun menor investimento e cunha intervención totalmente reversible un bo rendemento. Sobre todo considerando a dimensión do lucernario que de substituírse ou cubrirse obrigaría a solucións complexas que afectarían á cuberta. Concrétase a proposta na aplicación dunha laca reflectante pola cara exterior que garante a diminución de temperatura en 6-7 grados no interior respecto da orixinal, e na instalación dun “tamiz” na cara interior que transforme a imaxe industrial actual do lucernario nun rico xogo de luz e sombra.

Para a definición deste “tamiz” recurriráse a un oficio artesán e tradicional de Betanzos que hoxe está case que desaparecido, a cestería con vimbia , e para a súa materialización contamos ca colaboración da profesional Idoia Cuesta, unha especialista nada no País Vasco e afincada, segundo ela mesmo conta “nunha zona de Galicia declarada Reserva da Biosfera”.

En calquera caso pódese entender coma a substitución das cortinas/estores existente que resulta ineficaces e agora mesmo inservibles.

No interior do muro de fachada de entrada. Dada a afectación xeneralizada do paramento p proponse o seu saneado co raspado, lixado e picado das capas de revestimento ata descubrir a cachotería e sobre esta aplicar un reboco de cal natural de 1-2 cm que é de permeable e rematar cun acabado fino , de 2-3 mm do mesmo material. Con esta proposta conséguese a transpiración do muro e con isto o paso do vapor de auga que acaba por evaporarse sen exercer presión sobre o revetimento.

Na fachada Sur: Eliminar as capas de pintura existentes cos medios necesarios, limpeza, raspado, lixado, chorreado, e aplicar unha pintura ao silicato que permite así mesmo o paso do vapor de auga. Con esta opción se retrasa en gran medida a aparición de manchas na superficie.

Na planta baixa, na entrada ás oficinas municipais Substituír o peche exterior das oficinas formado por paramento lixeiro con portas abatibles de xiro vertical e fixos, por unha carpintería de aluminio e vidro con cámara ca instalación de portas corredeiras que permitan o paso cómodo a tódalas persoas, e de paso potencien a transparencia cara ao interior e a percepción da entrada dende o interior.

O obxecto das actuacións é polo tanto restaurar en puntos deteriorados, mellorar a eficiencia e a accesibilidade.

Alfonsetti

No Cine Alfonsetti os traballos centraránse tanto no pavimento do mesmo como no corredor pegado ao Claustro de Santo Domingo. O pavimento de formigón pintado da sala do Cine presenta un cambio de aspecto e cor con manchas esbrancuxadas xeneralizadas e outras máis localizadas de graxa, así como algunha greta de movemento.

Neste sentido, repararánse as gretas con morteiros e para eliminación da capa superficial lixado con diamante ata obter unha capa limpa e fina. Por último aplicar unha pintura epoxi da mesma cor que a orixinal, e ao mesmo tempo aplicar este mesmo acabado ao rodapé metálico, que previamente haberá que decapar e imprimar.

Para levar a cabo estas actuacións será necesario o levantado, almacenaxe e volta a colocar do conxunto de butacas da platea da Sala.

Trátase de recuperar a imaxe do conxunto que tiña a sala trala última intervención de rehabilitación da que foi obxecto.

Claustro

En canto ao Claustro de Santo Domingo propóñense algunhas actuacións previa ao pintado do Claustro, e á hora de elixir materiais contar con aqueles que permitan a transpiración dos muros e manter e recuperar o seu aspecto orixinal.

As tarefas que se propoñen pódense resumir nas seguintes: . Repasar os canles de recollida de auga e substituír as baixantes por outras de cinc, resolvendo correctamente o encontro entre ámbolos dous ; Limpar e repasar o material das xuntas da pedra da cornixa intermedia, e destas co paramento vertical; Picar e retirar o revestimento de morteiro de cemento nos entrepanos da planta baixa; Aplicar reboco a base de cal natural en substitución do morteiro de cemento.

Con estes tratamentos conséguese que o revestimento exterior do muro sexa permeable, permita o paso da vapor de auga e as sales solubles, que ao poder saír cara ao exterior liberan de humidade a cara interior. Todas as actuacións entran dentro da definición de mantemento, conservación e restauración, e non afectan á estrutura da edificación.