O Goberno concédelle a Betanzos outro proxecto de fondos europeos de 1,4 millóns de euros para comercio e centro histórico

169

A proposta foi elixida entre as 20 primeiras dunha  convocatoria na que recibiron axudas 50 municipios de toda España entre máis de 300 peticións

O proxecto “Revitalización do comercio de Betanzos mediante a conexión de tres eixes comerciais: mercado municipal, centro comercial aberto e mercado non sedentario para a creación dunha oferta cohesionada, diferencial e sustentable” presentado polo Concello á convocatoria de axudas de fondos europeos do Goberno de España no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais e canles de comercialización.

Á convocatoria presentáronse máis de 300 proxectos de toda España, e conseguiron financiamento 50 deles. No caso de Betanzos obtivo, por puntuación do proxecto, o posto 18, cunha concesión de 1,4 millóns de euros, segundo anunciou a alcaldesa, María Barral, que amosou a súa satisfacción por esta nova “concesión que, sen dúbida, axudará a revitalizar o centro histórico, con actuacións importantes nas súas rúas, e, de forma especial, o comercio e o mercado tradicional, adaptándoo a novas ferramentas de traballo tecnolóxico”.

Esta concesión súmase ás xa obtidas polo Concello de Fondos Next Generation que fai que Betanzos sexa “un dos municipios, das nosas características, que máis fondos europeos imos recibir” xa que a estes 1,4 millóns de euros sumaranse os xa adxudicados como o un millón de euros máis dos Next Generation que se suman “aos 1,8 millóns do Plan de sustentabilidade turística, 1,8 millóns do mercado municipal e os 1,5 millóns para o Pasatempo”. María Barral explicou que non se trata dun proxecto illado senón que se une a outros que se desenvolverán no centro histórico como o do mercado de Betanzos,  para situar a Betanzos como destino gastronómico e revitalizar o centro histórico e o do Plan de sustentabilidade turística en destino.

A través deste novo proxecto o Concello busca, como principal obxectivo, a  revitalización do comercio  mediante a creación dunha oferta diferencial. Para iso, basea a súa estratexia na conexión do tres eixes de comercio existentes en Betanzos, que son complementarios entre si e, que, ademais, cada un deles ten a súa clientela: o centro comercial aberto, o mercado de venda non sedentaria e o mercado municipal levará a cabo un proxecto integrado con solucións para dotar dunha identidade á área comercial, potenciar a mobilidade e a accesibilidade no tres eixes, incrementar a pegada económica comercial e a competitividade con novas canles de venda e distribución con base tecnolóxica, implantar ferramentas de sustentabilidade que acheguen valor aos produtos de quilómetro cero e incrementar a satisfacción do visitante.

Entre outras actuacións que contempla o proxecto, inclúese a subministración e instalación de tótems interactivos que ofrezan información sobre os comercios, as asociacións comerciais e os diferentes atractivos turísticos, tanto a visitantes como a residentes, aparcadoiro para bicicletas e patinetes nas inmediacións do mercado, que disporá de cargadores para vehículos eléctricos, instalación e subministración de zonas de descanso con cargadores solares, iluminación, mobiliario urbano en varias rúas e zonas axardinadas acondicionadas para o descanso, creación e promoción de novos deseños de embalaxe para o comercio de proximidade como alternativa sustentable e reutilizable á de plásticos ou papel, utilizando materiais compostables e reciclados da propia actividade comercial e hidrosolubles, instalación e subministración de puntos de recollida intelixentes, smart lockers (despachos de billetes intelixentes), instalación e subministración de illas ecolóxicas para a recollida e separación de residuos, con catro colectores por illa, a creación de elementos organizativos de mobiliario dirixidos á posta en valor do mercado semanal e a feira con códigos QR que dirixan ao Marketplace, talleres de economía circular, formación mercadotecnia dixital para comercio e economía circular, implantación de sinaléctica corporativa para o comercio de proximidade con beacons que almacenen información sobre os establecementos e recursos turísticos de Betanzos e redes WIFI.

A totalidade dos comercios incluídos nos tres eixes de acción do proxecto están directamente beneficiados:

– No mercado municipal atópanse 4 postos comerciais. No entanto, tras a finalización do proxecto do mercado de Betanzos, que está en fase de execución, a oferta de postos comerciais ascenderá a 12.

– O centro comercial aberto de Betanzos dispón de 153 establecementos.

– A feira e mercados semanais de máis de 150 postos.

Os comercios da área de actuación representan o 57% sobre a totalidade do tecido comercial do municipio de Betanzos. No entanto, este proxecto terá un impacto directo sobre a totalidade do tecido comercial do municipio de Betanzos porque as actuacións de sensibilización, formación e a plataforma Marketplace desenvolveranse para todas as empresas con independencia da súa localización na zona comercial.

Con respecto ao resto de actuacións deste plan, aínda que versarán sobre este tres eixes, traballarase na consecución de obxectivos que causarán un impacto positivo en todo o tecido comercial:

– Un dos fins operativos trata de incrementar a pegada económica da clientela actual e potencial do comercio mediante actuacións como a promoción das áreas comerciais e o fomento da accesibilidade, con iniciativas como a creación de áreas de descanso con cargadores para vehículos eléctricos ou os despachos de billetes intelixentes. Así mesmo, o Marketplace disporá de información turística tamén do territorio, polo que está dirixida tamén a incrementar o tempo e a redistribución de fluxos dos e das visitantes en Betanzos. Con estas actuacións, lograrase que a pegada económica dos clientes impacte no comercio de todo o municipio, non soamente da área de actuación.

O desenvolvemento e posicionamento de Betanzos como municipio comercial diferenciado, coa conexión do tres eixes mencionados e tamén como escaparate dos produtos quilómetro cero do destino turístico no que se enmarca, producirá unha atracción de visitantes de compras. Este resultado beneficiará a todo o territorio do municipio de Betanzos porque se trata dun municipio con zonas ben conectadas e que permite percorrelo a pé nun período curto de tempo.