O goberno local outórgalle a licenza de obras ao persoa propietario da “Fábrica da Luz” e exíxelle a consolidación do edificio

115
O edificio está situado na avenida da Coruña

O goberno local acaba de concederlle a licenza de obras a empresa General de Edificios y Solares, propietaria do edificio coñecido como “Fábrica da Luz” para executar os traballos de consolidación do edificio incluídos na orde de execución ditaminada polo Concello. Estes traballos contan coa autorización de Patrimonio. Trátase, en síntese, de actuacións de consolidación, estabilización e aseguramento do conxunto edificatorio cun orzamento que alcanza os 135 319 euros segundo a solicitude da licenza presentada.

Unha vez aprobada a licenza, os propietarios e as propietarias terán seis meses para o inicio das obras e 36 para a finalización destas 36 meses, sen interrupción das obras por un tempo superior a 6 meses. Tendo e conta o edificio de que se trata e a súa protección, todo o conxunto das construcións debe quedar debidamente documentado canto menos mediante unha reportaxe fotográfica previa ao proceso de desmontaxe necesaria e reunión de elementos, que, asemade, deberán permanecer en lugar seguro e protexidos.

Os traballos recollen actuacións de consolidación da estrutura da cuberta e dos cerramentos do edificio principal da fábrica de electricidade. Para cumprir o requirido, a propiedade deberá realizar a desmontaxe controlada dende o exterior, e gardar e cumprir todas as medidas de seguridade e protección establecidas, dos elementos que conforman a cuberta (material de remate en tella cerámica plana, entaboado, estrutura secundaria e principal) que se atopan derruídos cara ao interior. Ademais deberá procederse á desmontaxe do aleiro en voo en estado precario situado preto o volume ao noroeste.

Será necesario o estudo da estabilidade e seguridade dos panos de fachada, durante as labores da desmontaxe, principalmente en tramo central. No que en caso necesario deberá procederse a súa desmontaxe.

Deberá estudarse e avaliarse individualizadamente o estado dos restos da edificación durante os labores de desmontaxe por parte do persoal técnico director responsable cualificado correspondente, para acadar en todo momento a seguridade dos traballadores e das traballadoras así como a estabilidade, seguridade e protección do ben sobre o que se intervén.

Unha vez levadas a cabo estes labores, deberá procederse, sempre en condicións de seguridade, á retirada de revestimentos interiores tales como falsos teitos e entullos acumulados no interior, que permitan acceder á estrutura de cuberta e cerramentos que se manteñan en pe. Deberá procederse ao apuntalamento dos restos de estrutura principal, secundaria e cerchas da cuberta, así como cerramentos e elementos de fachada. A finalidade é obter a salvagarda daqueles elementos que conforman o conxunto edificatorio que son susceptibles de ser recuperados.

Os apuntalamentos realizaranse por unha empresa especializada na materia, así como baixo a dirección e supervisión do persoal técnico director responsable competente.

Será necesaria a retirada e conveniente a reunión nun lugar seguro dos elementos protexidos singulares tales como carpintarías e reixas, cubrición (tellas), revestimentos decorativos, partes do cerramento e elementos estruturais que se poidan restaurar, así como lámpadas de iluminación, para o posterior aproveitamento en fase posterior que se indicará en apartado segundo.

Logo destas actuacións, será necesaria a cubrición (a modo temporal) dos elementos que se manteñan, para evitar e protexer de inclemencias metereolóxicas o interior da edificación.

Sobre o volume ao noroeste deberá revisarse a estabilidade do conxunto edificatorio. Así mesmo, deberán colocarse testemuñas sobre as gretas existentes, para determinar a súa evolución e a necesidade de adopción de medidas de apuntalamento deste elemento. Tamén será necesaria a retirada dos entullos e obxectos acumulados no seu interior, así como dos vidros que se atopen soltos e disgregados das carpintarías exteriores. Igualmente deberá procederse ao tapiado e delimitación dos ocos, co fin de evitar o acceso e depósito de lixo dende o exterior. Deberá efectuarse a reparación, limpeza e adaptación da correcta suxeición dos canlóns e baixantes de recollida de augas pluviais da edificación, así como a revisión da seguranza dos elementos de cobertura (tellas).

Sobre toda a parcela deberá realizarse a limpeza, corte e retirada da biomasa vexetal existente no interior da parcela así como a que invade as construcións lindeiras e propias do predio. A correcta delimitación do punto de acceso á finca, para evitar a entrada de persoas alleas ao seu interior.

Sobre corpo intermedio haberá que realizar o correcto tapiado de ocos no acceso.

Sobre o serradoiro deberá revisarse a estrutura principal e cerramentos para analizar a súa seguridade e estabilidade. En caso necesario realizarase dotación dos apuntalamentos necesarios. Tamén hai que revisar e recolocar as pranchas en cuberta, para garantir a correcta estanqueidade deste elemento e evitar a entrada de auga ao seu interior.