O goberno local presentará emendas aos orzamentos da Xunta que recollan os investimentos para os centros escolares e o Pasatempo

755
Estanque do Pasatempo

Os orzamentos da Xunta para 2020 “non contemplan unha serie de equipamentos e actuacións no ámbito educativo, social e patrimonial que son necesarios e polos que insistiremos ante o goberno galego para que inclúa as partidas necesarias e suficientes de face a 2020”. Así o anunciou o portavoz do goberno local, Diego Fernández, tras analizar no seo do goberno local a proposta orzamentaria da Xunta que segue “esquecéndose de demandas realizadas nos últimos anos non só polo Concello senón por distintos colectivos betanceiros”.

O edil explicou que aínda que nos orzamentos hai unha partida de 600 000 euros para actuacións de mellora da planta de tratamento de auga, o certo é que “esta cantidade non é un novo investimento senón que lle corresponde ao convenio asinado polo Concello e a Xunta en 2016, financiado en varias anualidades”. Esta é a única achega do executivo galego a Betanzos, con partida propia, xunto con outros 75 000 euros, xa orzada para este ano sen que se executara e que “volve aparecer para 2020, dentro da mellora do sistema de saneamento e depuración. En calquera caso é unha partida insuficiente se temos en conta que o investimento necesario e que solicitamos xa nos anteriores orzamentos da Xunta é de 2,5 millóns de euros”.

Esta será unha das emendas que se presenten aos orzamentos xunto coas relacionadas con Educación. Con dous proxectos que son sumamente importantes, a adecuación do segundo bloque do colexio Vales Villamarín e diversas melloras no instituto Francisco Aguiar, cun investimento superior aos 800 000 euros. O goberno local considera que se trata dun investimento “máis que xustificado polo número de alumnado que estuda en ambos os centros e que tería que prevalecer sobre outros investimentos que, sendo importantes para cada Concello, a Xunta contempla noutros municipios con moita menos cantidade de alumnado. Neste sentido, Diego Fernández anunciou que se darán todos os pasos necesarios para expor esa reclamación ante a Consellería de Educación “e que incorpore nos seus orzamentos as partidas necesarias para acometer obras en ambos os centros tendo en conta, ademais, que o Concello destinou, dos seus fondos propios, a partida necesaria para construír o patio cuberto de infantil que lle correspondía á Xunta. Por iso, considera que os betanceiros e as betanceiras “merecen ser correspondidos na súa xusta medida”.

Por último, o goberno local insistirá ante o executivo de Alberto Núñez Feijoó que “as palabras do presidente non queden en simples intencións públicas senón que contemple a partida necesaria para o Pasatempo nos orzamentos galegos. Non imos a pedir máis que o resto mais si que polo menos iguale a partida que a Deputación da Coruña ten reservada para o parque enciclopédico que alcanza os 600 000 euros. Non nos parece de recibo que despois das reunións mantidas en Santiago, nos orzamentos de 2020 non apareza unha soa partida para o Pasatempo”.

Desde o goberno local tamén se insistirá en adaptar o antigo centro de saúde como centro de día, unha vez que o Goberno central ceda as súas instalacións á Xunta. “É un proxecto longamente demandado. Trátase dunha actuación sumamente importante no ámbito social na que imos insistir, a pesar das reticencias que atopamos no executivo galego. Pediremos 600 000 euros para rehabilitar o edificio, agora en desuso, como centro de día, sen renunciar a que, se á Xunta, pola razón que fose, non lle convence, constrúa un edificio novo na zona do Carregal tal e como contemplara nalgunha outra ocasión. A nós esa solución tamén nos vale, porque o necesario é contar con este equipamento no municipio”.