Servizos Sociais atendeu máis de 3700 consultas durante 2017

1459

Betanzos, 8 de febreiro de 2018. A Concellaría de Servizos Sociais presentou a memoria de actuacións levadas a cabo durante 2017. A responsable do departamento, María Barral, destacou que Servizos Sociais atenderon 3738 persoas para darlles información sobre o departamento e sobre a tramitación de recursos e programas.

Accións todas elas que se unen aos programas de alimentos; aos fondos para o programa Xantar na casa no que se atendeu a 40 usuarios; o de transporte adaptado con máis de 280 usuarios; o de comedor escolar, que chegou aos 410 nenos ou os 117 do servizo de madrugadores.

O programa de bolsas de estudo concedeu axudas a 160 alumnos mentres que nos programas de conciliación a través das actividades Betanzos tan cerca, durante os períodos escolares vacacionais de verán e nadal, atendéronse preto de 150 nenos e nenas.

María Barral explicou que dentro dos programas de “muller e igualdade” a concellaría elaborou o Plan de Igualdade no que participaron 60 entidades e desenvolvéronse campañas como a de “Betanzos en negro” con 152 asociacións, centros educativos e establecementos comerciais.

Tamén houbo charlas de sensibilización, exposicións, actos de conmemoración do Día da muller; de violencia contra as mulleres ou obradoiros para mulleres coidadoras de persoas dependentes.

Outro dos programas serviu para evitar ou paliar situacións carenciais, urxencias sociais ou situacións de marxinación social, un programa que a concellaría de Servizos Sociais poñía en marcha a través da ordenanza municipal de emerxencia social coa que se evitaron unhas “cantas” situacións de risco que poderían terminar “desgraciadamente en desafiuzamentos”. Dentro do programa atendéronse nove solicitudes de emerxencia presentadas, familias que tiñan, nun momento puntual, problemas para facer fronte a certos gastos que “poderían acabar en desafiuzamentos”.

María Barral lembrou, durante a presentación da memoria de Servizos Sociais de 2017, o esforzo por “non só manter senón aumentar nos últimos anos as partidas destinadas aos programas sociais. A pesar das dificultades económicas destes anos e as limitacións ás que as administracións públicas tiveron que facer fronte, desde o Concello tiñamos claro que unha das cuestións que non podiamos tocar eran as axudas de carácter social, é máis, o que tiñamos era que incrementalas para axudar a aqueles que máis o necesitaban”.

A ordenanza municipal de emerxencia social veu a regular esas axudas dando cobertura, por exemplo, a necesidades básicas de carácter xeral como alimentos, vestiario, aloxamento e demais indispensables para o desenvolvemento da vida diaria; ou gastos sanitarios para próteses oculares, próteses e arranxos dentais ou gastos farmacéuticos ademais de axudas para uso de mantemento de vivendas.