Texto integro da función do Voto que realizou a alcaldesa María Barral ante o patrón San Roque

1314
A alcaldesa María Barral ante o patrón San Roque

Señor San Roque:

É a primeira vez que estou diante de ti para cumprir co voto que, ano tras ano, século tras século, como patrón de Betanzos que es, o pobo de Betanzos che fai este día. Traio comigo todo o agarimo do meu pobo, as ledicias, os anceios, mais tamén as fondas preocupacións diante dun mundo que non sabemos cara a onde camiña.

Señor, vimos este ano a ti cheos de dor polas dificultades económicas e sociais que seguen a pasar moitos dos homes e mulleres que viven no noso país e dos que noutros lugares pasan continuas dificultades motivadas pola guerra ou pola fame, causadas sempre polo egoísmo do ser humano, que non é consciente de que foi irmandado por Deus e pola inxustiza daqueles que ven no outro un exclusivo motivo de explotación ou de simple interese económico.

O ser humano queda reducido a un simple valor de uso como se fose unha mercadoría máis nun mercado agresivo en que a única finalidade é a ganancia. Queremos que nos axudes e nos deas luces para saír desta situación que se nos antolla angustiosa. Hai moitas familias que o están a pasar mal; moitos mozos e mozas que non encontran traballo e non poden facer o seu proxecto de vida, o que os leva a caer na desesperanza; moitas persoas que teñen que emigrar pola fame, polas enfermidades ou pola represión política, que teñen que arriscar a vida e deixar os seus, empurrados pola necesidade; moitas mulleres que sofren mesmo a morte só polo feito de selo; moitas persoas maiores que viven na soidade e na tristura porque a sociedade e as familias non as consideran necesarias; moita xente enferma pola crueldade de quen antepón o seu beneficio ao servizo para os demais.

Señor San Roque, que nos pasa? Se somos irmáns e irmás, é incomprensible que sexamos tan insolidarias e inxustas; é incomprensible que poidamos permitir tanta inxustiza ao noso redor. Fixemos un mundo en que as cousas e os cartos ocuparon un posto relevante, en que ter é superior a ser, en que o poder político se someteu ao poder económico e non buscou o ben común, senón, algunhas veces, a defensa dos intereses de minorías insolidarias e avarentas.

En contrapartida, señor, sabemos que hai moitos homes e mulleres, boas e xenerosas, que, co seu exemplo diario, fan que teñamos fe no ser humano. Ese ser humano que nestes tempos que está necesitado de referentes éticos. Sabémolo e, por iso, queremos ser optimistas con respecto ao noso futuro e somos optimistas porque te temos a ti, que te ofreciches a estar connosco ata a fin dos séculos.

É verdade que nos esquecemos de ti, señor, en moitas ocasións, sobre todo cando coidamos que o podemos todo. Porén, sen a túa axuda, non poderemos conquistar as nosas metas. Por iso, pedímosche que nos deas forzas para continuar sendo mulleres e homes xustos e solidarios no goberno das cousas deste mundo. Habería pan para todos e todas se no noso corazón reinase esa fame de xustiza e solidariedade que ti, San Roque, nos predicaches e amosaches. Non deixes que polo mal obrar humano nos desentendamos das persoas que máis o necesitan.

Señor, estamos angustiadas porque nos afectan acotío problemas que nos parecen irresolubles e de toda índole. No entanto, non é menos certo que esa angustia non nos paraliza, senón que nos motiva para traballar máis e máis polo ser humano e polos seus intereses lexítimos. Ademais, sabemos que non estamos sós nin soas, que ti estás connosco. E aquí, nesta igrexa de San Domingos, estás dun xeito perenne, como queréndonos dicir que nos amas de maneira especial.

Cos problemas xerais que viven todos os homes e mulleres, tamén vivimos as persoas galegas e betanceiras, que de sufrir sabemos como ninguén porque a inxustiza que padecemos foi palpable ao longo do tempo. A falta de desenvolvemento económico, a emigración, o analfabetismo e a persecución cultural foron pragas que nos perseguiron durante séculos. Hoxe, moitas delas están afastadas, mais outras volven.

Señor San Roque, coida de todas aquelas persoas que marcharon deste país para buscar o pan de cada día e fainos, por iso, máis solidarias e xenerosas coas persoas que viñeron buscar aquí o seu pan, que foron recibidas cando as necesitamos como man de obra barata e que agora parecen ser a causa de todos os males.

Axúdanos, señor, a estar á altura das necesidades reais de todos aqueles e aquelas que máis o precisan neste momento. Axuda os nosos gobernos para que busquen e atopen as políticas económicas e sociais xustas e solidarias, que devolvan a confianza no seu futuro, futuro que temos que construír dun xeito novo, sen que ninguén quede no camiño e sen sacrificar dereitos sociais que tantos anos e tanto esforzo custou conquistar. A solución non está en quitarlle a quen menos ten, senón nunha xustiza distributiva que reparta mellor os bens materiais e que nos axude a compartilos coas persoas menos afortunadas, sen perder a perspectiva de que eses bens materiais non son un fin en si propio.

Axúdanos a transformar esta sociedade nun mundo mellor, tal e como ti nos predicaches, en que a paz, a solidariedade e a xustiza sexan referentes para superar esta situación. Move tamén os corazóns das persoas que tanto fan sufrir ás demais e axuda a todas aquelas que, desde a paz, están loitando para acabar coa inxustiza e que buscan un mundo mellor.

Como peregrinas da vida, axúdanos a ver con claridade o camiño, ese camiño que, dalgún xeito, nos amosan os peregrinos e as peregrinas que cruzan ano tras ano as nosas terras na procura da luz de Occidente, esa mesma luz que está aquí, entre nós.

Grazas!