“Vai de rúa”, o programa cultura que levou ás rúas de Betanzos teatro, música, maxia obradoiros con 10 compañías en 13 actuacións

1353

10 compañías e 13 actuacións durante dous días polas rúas de Betanzos. Así foi a segunda edición do Vai de rúa, que arrancou na mañá do venres 27 ás 12:00 h na Alameda e que finalizou o sábado cunha actuación ás 21:00 h na praza da Constitución, dentro dun programa que foi presentado pola alcaldesa en funcións e responsable de Cultura, María Barral.

Foi unha fin de semana ateigada de actividades culturais, xa que o Vai de rúa coincidiu coa inauguración oficial da Bienal de Balconadas e a celebración da Semana de Cine Internacional de Betanzos, dedicada este ano ao actor Javier Gutiérrez. Trátase, segundo a alcaldesa en funcións, de “ofrecer unha alternativa cultural durante unha fin de semana que só Betanzos pode ofrecer, con cine, balconadas, música, teatro, maxia, obradoiros culturais… Se Betanzos é un referente ao longo do ano polas continuas actividades que organizamos, buscabamos que tamén o fose durante este mes de xullo, entre a feira medieval e as festas, cunha programación de actividades para todas as idades atraentes tanto para os/as betanceiros/as como para a veciñanza de toda a comarca”.

O programa comezou, o día 27, ás 12:00 h con “Contos a pé de rúa”, da compañía Caxoto na Alameda. Felipe Díaz é a persoa que, desde o ano 2012, busca un espazo en que a narración oral conflúa con outras disciplinas artísticas. Nas súas propostas, conxúganse actividades lúdicas, artes escénicas, contidos educativos, formación en valores e un enfoque social. Caxoto, un home sempre vinculado ao espazo escénico, tanto a través da música como do teatro, entrou en contacto coa oralidade ao chegar a Kalandraka e comezou, así, un camiño artístico que o levou de xira por toda Galicia e a participar activamente na creación do Festival de Narración Oral Atlántica.

Vai de rúa continuou con The Revival Stompers ás 12:30 h e tamén ás 19:00 h polas rúas da cidade. Son unha banda coruñesa de dixieland e jazz tradicional similares aos Hot Five de Louis Armstrong na Nova Orleans dos anos 20. O seu repertorio nútrese de versións dos grandes clásicos da musica afroamericana de principios do século XX. Así, a súa principal característica é o son dos anos 20. Esta formación xorde no ano 2000 a partir da idea de varios músicos residentes na Coruña para formar unha agrupación estable que rendese homenaxe ao dixieland e ao jazz tradicional.

A maxia tamén estivo presente no programa con “O baúl do Mago Rafa” ás 13:00 h e ás 19:00 h na praza dos Irmáns García Naveira. A maxia é unha arte e conseguir que a sorpresa e a diversión sexan un espectáculo tamén é unha arte. O baúl do mago é unha iniciativa cultural innovadora en que creamos, probablemente, o teatro máis pequeno do mundo. O obxectivo é achegar a maxia á sociedade dunha forma máis próxima e divertida. O teatro máxico itinerante, en que a maxia non só se vive, senón que se sente, persigue que a interactividade e a participación no espectáculo estean máis que aseguradas, pois a proximidade co mago é unha constante durante o espectáculo. Deste xeito, “O baúl do Mago Rafa” non se trata só de asistir a unha actuación de maxia, trátase tamén de vivir a maxia.

No serán, celebrouse un obradoiro da compañía Exire ás 19:30 h na praza da Constitución. Exire é unha compañía de danza urbana e contemporánea que reside na Coruña. Ten máis de 10 anos de experiencia nas artes escénicas, que a levou de xira por toda a xeografía galega con 6 espectáculos desde 2006. Está formada por Estefanía Gómez e Alba Fernández, bailarinas e mestras de danza. No ano 2016, a compañía muda o seu nome orixinal de As Dríadas a Erixe con motivo do seu décimo aniversario e para lle dar unha nova perspectiva á compañía con novos proxectos e ilusións. Adentrarémonos no traballo de investigación da compañía. Exire experimentará, durante unha hora e media, coas danzas urbanas e deixará camiño á improvisación e ao movemento máis persoal, en que porán atención nas persoas que as acompañarán nesa viaxe e no espazo-tempo en que estará situado ese instante. Unha investigación da linguaxe espacial e corporal que crea un universo único para expresarse, resultado da busca do circo como linguaxe. Foi o mellor espectáculo Sección Off Circada 2017.

Para o sábado día 27, as actividades comezaron con “De Tin Marín”, de Soledad Felloza, ás 12:00 h na Alameda. Ela é actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Tamén é directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, con sede en Galicia, e ten publicado obras de literatura infantil como A cociñeira do rei (OQO, 2015), Premio Europeo de Narración Oral ao Mellor Conto para Nenas e Nenos. Está traducido ao portugués, ao polaco e ás linguas oficias de España. Outra das súas obras é La vuelta al mundo (La Fragatina, 2017), editado en castelán e traducido ao italiano. Docente en narración oral e narradora experimentada, con ela experimentaremos que os contos teñen maxia, que son máxicos, que hai que facer maxia para que aparezan ou que a hora en que aparecen é máxica.

A música estivo presente ás 13:00 h no adro de Santa María con “Tic, tac, toc”, de Pablo Díaz. Este é un prestixioso músico coruñés que debutou co seu primeiro traballo discográfico Tic tac en decembro de 2009 coa editorial Kalandraka e co que acadou un éxito espectacular en Galicia, xa que a primeira edición do traballo esgotouse en 3 meses e vai xa pola quinta reedición do traballo. En novembro de 2013, ve a luz o seu segundo traballo, Toc toc, da editorial Galaxia. En decembro de 2014, presenta un novo traballo, máis íntimo e dedicado ao público de menor idade, Xente miúda, moita fartura, en que aposta, nesta ocasión, pola autoprodución e por contar coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey. En decembro de 2016, o último traballo de Pablo, Tic tac toc, viu a luz a través da editorial Galaxia. Con Pablo Díaz e o seu guitarrista poderemos cantar os temas máis divertidos do último traballo, Tic tac toc. Farán tamén un pequeno repaso dos temas máis emblemáticos dos anteriores traballos, Tic tac e Toc toc.

A programación seguiu con “Trasno”, da compañía Pistacatro, ás 19:00 h na praza dos Irmáns García Naveira. Con “Trasno”, podes soñar coa maxia, a emoción e a tenrura, pois é un espectáculo cheo de diferentes combinacións circenses creadas polo artista Pablo Trasno, capaz de facer sorrir coas súas fazañas cómicas aparentemente improvisadas e con todo o seu abanico de técnicas circenses.

“Si quero”, da compañía Entremans, foi o protagonista do programa a partir das 20:00 h na praza dos Irmáns García Naveira. A creación e a interpretación son de Ana Beatriz Pérez e Armando Martén e a música é de varios autores.

Ás 20:30 h foi o turno da compañía Exire, previamente mencionada, con “Nexos” na praza da Constitución. Exire é unha compañía de Danza Urbana e Contemporánea que reside na Coruña. “Nexos” é unha creación, dirección e interpretación de Estefanía Gómez e Alba Fernández, que conta co asesoramento coreográfico de Chey Jurado. “Percorrido por momentos que quedaron gravados no noso corpo, e deixan ver dous seres reais, imperfectos, peculiares, fermosos… Soltamos o peso da mirada dos outros, abrazamos a propia persoa e recoñecémonos para decidir amosar o que escollemos ser, ao fin e ao cabo gozamos de ser un mesmo… A única persoa coa que se está obrigado a vivir.”

Vai de rúa finalizou co espectáculo “4.0”, da compañía Sue Moreno, desde ás 21:00 h na praza da Constitución. Este é un espectáculo de creación propia en que se combinan as técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico e que toma o humor como partitura. Ademais, conta cunha estrutura de 6 metros de altura. A obra conta a historia dunha muller e o seu día a día, en que intenta conciliar o seu traballo, vida e maternidade. Desta maneira, mostra as mil caras desta etapa desde unha perspectiva divertida e tenra.