A alcaldesa de Betanzos e o delegado da ONCE en Galicia presentaron o cupón dedicado ao Globo de papel máis grande do mundo

920
A alcaldesa de Betanzos María Barral e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan.

O Concello de Betanzos acolleu o pasado martes 13, a presentación do cupón da ONCE dedicado ao Globo de papel máis grande do mundo, que se eleva cada 16 de agosto en honra de San Roque patrón da cidade.

Na presentación participaron a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, os concelleiros Ángeles Veiga, Andrés Hermida e Andrés Pandelo e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan.

A alcaldesa de Betanzos expreso o seu agradecemento ao delegado territorial pola disposición do ONCE para promocionar a imaxe de Betanzos no seu cupón por segunda vez neste ano, xa que tamén foi dedicado con motivo do 800 aniversario do traslado da cidade á súa actual localización.

Manuel Martínez fixo entrega á alcaldesa dunha reprodución enmarcada do cupón e sinalou que “son cinco millóns e medio de cupóns os que xa están á venda coa imaxe do Globo de Betanzos e servirán para promocionar esta espectacular festa por todo o país.

O delegado da ONCE destacou que participar na promoción dun evento destas características supón devolverlle á sociedade parte da súa implicación no labor social que desenvolve esta organización e que se financia grazas á venda do Cupón, que é a súa “ferramenta de solidariedade”.

A alcaldesa de Betanzos María Barral, os concelleiros Andrés Hermida, Ángeles Veiga e Andrés Pandelo e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan.

A tradición de lanzar o aeróstato de papel non tripulado ten máis de dous séculos de historia, e está a cargo da Familia Pita desde 1875, coa paréntese dos anos da Guerra Civil. En toda a súa historia sufriu algún incidente. En agosto de 2018 fué a primeira vez que rompeu en 54 anos. Trátase dun aeróstato que se realiza artesanalmente con materiais tradicionais: papel de estraza, pegado con engrudo de fariña de centeo e reforzado con cinta de algodón, e está ilustrado con viñetas humorísticas realizadas por artistas locais. Ten unha altura máxima de 25 metros e un diámetro máximo de 16 metros, sendo a circunferencia máxima de algo máis de 50 metros. Pesa uns 150 quilos e é considerado o globo de papel máis grande do mundo. Ao espectáculo da súa elevación que dura apenas media hora, acoden decenas de miles de persoas.

O Cupón Diario da ONCE ofrece, por 1,5 euros, 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras. Ademais, o cliente ten a oportunidade, por 0,5 euros máis, de xogar tamén á serie, e gañar “A Paga” de 3.000 euros ao mes durante 25 anos, que se engadirá ao premio de 35.000 euros.

Terán premio de 500 euros os números anterior e posterior ao agraciado; e premio de 200, 20, e 6 euros ás catro, tres e dúas últimas cifras, respectivamente, do cupón premiado. Así como reintegros de 1,5 euros á última e primeira cifra.

Os cupóns da ONCE comercialízanse polos 20.000 axentes vendedores da ONCE. Como sempre, grazas ao Terminal Punto de Venda ( TPV), o cliente pode elixir o número que máis lle guste. Ademais, pódense adquirir desde a páxina web oficial de Xogos ONCE (www.juegosonce.es), e establecementos colaboradores autorizados”.