O Concello porá en marcha “Betanzos acompaña”, un novo programa social de apoio a persoas maiores de 65 anos que viven en soidade non desexada

84

O Concello poñerá en marcha un novo programa dirixido aos maiores de 65 anos que viven sos. Trátase de “Betanzos acompaña”, un programa que nace, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, co propósito de “detectar casos en situación de soidade non desexada entre a poboación maior de Betanzos; deseñar accións para involucrar na comunidade ás persoas maiores nesta situación de soidade e crear unha rede de acompañamento ás persoas maiores entre os diferentes axentes sociais do territorio.

No Concello o número de persoas maiores de 65 anos ascende a 3354 persoas, 1395 homes e 1959 mulleres, o que supón segundo os datos do Instituto Galego de Estatística o 25% da poboación betanceira. Nesta mesma franxa de idade, o municipio conta cun 7% de poboación cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Pola súa banda, o número de persoas de máis de 65 anos que viven soas no municipio é de 801 (245 homes e 556 mulleres), o que representa o 24% do total do colectivo de maiores. Ademais, a proxección estatística para as poboacións galegas de tamaño medio como Betanzos é que na próxima década, 3 de cada 10 fogares serán unipersoais, compostos en gran medida por persoas maiores. Tendo en conta esta nova configuración social, o Concello porá en marcha o  programa para detectar, intervir e mitigar a soidade non desexada na poboación maior que poida encontrarse nunha situación de desprotección deste tipo.

A través de BETANZOS ACOMPAÑA preténdese tamén tecer sinerxías con axentes sociais que operan no territorio e sentar as bases para coñecer en profundidade este fenómeno, dentro do eixe das políticas sociais municipais dirixidas a maiores, xunto con outros programas locais xa consolidados como o servizo de Axuda no Fogar ou o Servizo de Transporte Adaptado. O programa desenvolverase en fases, de tal maneira que unha desencadee necesariamente á outra buscando en todo momento a participación comunitaria, para facer  un programa vivo e dinámico. A primeira centrarase nunha recompilación da información para establecer liñas de acción que incluirá, entre outras cousas, entrevistas con persoas maiores do municipio que se atopen en situación de desprotección ou soidade non desexada, detectadas a través de recursos municipais existentes.

A segunda fase  centrarase en tecer redes. De forma paralela á fase 1, crearanse sinerxías entre os servizos sociais comunitarios e outros servizos locais, de cara a ofrecer un acompañamento integral ás persoas maiores en casos de soidade. De especial importancia será a coordinación cos centros sociosanitarios de referencia, comercios locais, centros de saúde, farmacias, etc. Haberá tamén reunións de colaboración coas principais entidades sociais do municipio: como asociacións veciñais, culturais, de mulleres, entidades de inclusión e acción social, clubs deportivos, etc.

Unha vez realizados todos estes contactos, comezarase a crear a Rede contra a soidade non desexada, na que se fomentará o sentimento de humanidade .

A terceira fase será a de crear actividades.  Unha vez existan casos detectados e toda a información sobre o programa e a soidade non desexada sexa divulgada, crearase unha oferta de actividades e servizos destinadas ás persoas maiores con especial dificultades de relación e que poidan estar pasando por unha situación temporal ou permanente de soidade non desexada.  As actividades, así como a súa difusión, realizaranse contando con recursos e servizos municipais propios, en coordinación coas distintas áreas municipais.

As actividades programadas para esta fase son: “ESPERTANDO CONCIENCIAS”. Trátase dunha actividade   para facer do programa un sinal de identidade betanceiro. Presentarase como a base sólida que precisa a veciñanza e a comunidade, apelando á solidariedade social, para asentalo, darlle continuidade e facer del un xeito de vivir en Betanzos. Incluirá:

  • Sensibilización e concienciación sobre a soidade non desexada.
  • Difusión comunitaria do programa enfocada á cidadanía.
  • Facilitar decálogo para familiares e persoas próximas a maiores.
  • Contactos semanais, quincenais ou mensuais entre o persoal responsable do programa e as persoas usuaria.
  • Comercios amigables coas persoas maiores: prestar especial atención ás persoas maiores dende os comercios máis frecuentados por elas:

◦ Contactos entre o persoal responsable do programa e os responsables de:                           perrucarías, comercio de    proximidade, mercado, etc.

◦ Facilitarlles información detallada aos e ás comerciantes do programa.

  • Facer das FARMACIAS puntos de información fiable e de referencia para os maiores:

◦ Pedir colaboración para coñecer que información poden facerlles chegar aos                         maiores para o seu coidado: exceso de medicinas na casa, non recollida                             periódica, reciclaxe, queixas da saúde, desánimo,     etc. Contactos persoais                       entre o persoal responsable do programa e as farmacias.

◦ Facilitarlles información detallada ás farmacias ao respecto do programa e os                      seus materiais de difusión.

  • Achegar o programa ao CENTRO DE SAÚDE como lugar de coidado da saúde física e emocional:

◦ Contactar coa unidade de Traballo Social do centro de Saúde do municipio                           para coñecer a súa disposición canto a facilitar pautas sobre hábitos en saúde                     emocional a: persoas maiores, familiares de persoas maiores, e persoas                             que teñan contacto con persoas maiores.

◦ Facilitar información detallada con respecto ao programa e os seus materiais                      de difusión.

Haberá tamén unha acción que xa comezou o Concello durante a pandemia e que seguiu desenvolvendo con bos resultados e que agora, segundo María Barral, potenciarase con este programa. Denominarase  “AO APARATO” e terá un número de teléfono para persoas maiores, unha hora e media semanal nos servizos socias comunitarios para que as persoas maiores que desexen falar da súa situación relacionada coa soidade non desexada e que precisen de soporte emocional, poidan facelo durante estas chamadas de 15 minutos de duración. Farase sempre no mesmo horario e o mesmo día da semana para crear rutinas nas chamadas. Despois da primeira comunicación, o persoal técnico encargado do programa contactará directamente coas persoas.

Outra das accións será  “FACENDO GRUPO”, creando un espazo para persoas que desexen coñecer xente que se encontran soas ou illadas, poñendo a disposición café ou infusión gratuíta para falar de maneira distendida.

En paralelo farase ademais o que o programa denomina “O GRUPO MEDRA”. Para crear unha rede de persoas maiores ao xeito de Brigada de Maiores que procuren os auto coidados do grupo: asegurar non sentir soidade, obrigarse a saír, pasar o tempo en compaña, que ninguén se quede sen ter contactos sociais, despertar o sentimento de solidariedade cara outras persoas en situación de soidade.

Tamén está previsto articular unha bolsa de tempo altruísta sen ánimo de lucro para que calquera maior de 16 anos poida ofrecer un servizo a unha persoa maior que se atope en situación de vulnerabilidade dentro da acción  “TEMPO POR TEMPO” . Similar a un voluntariado pero de menor duración xa que sería un máximo de 30 minutos e non sempre sería coa mesma persoa. As tarefas para desenvolver cara os maiores: facer recados, recoller medicamentos na farmacia, acompañamentos, xogar ás cartas no domicilio se hai problemas de mobilidade e non pode saír da casa, ir á casa para saír á rúa a atoparse con outras persoas maiores, ir á Biblioteca e coller libros, escoitar, charlar, ensinar a manexarse co móbil. As persoas maiores poden achegar o seu saberes, receitas tradicionais, café de pota, música de antes, historias da súa época, dispositivos de antano (radio, casete, tocadiscos).