O proxecto divulgativo Betanzos Capital crea unha ruta histórica pola cidade con contidos audiovisuais

49
A alcaldesa María Barral, xunto a Marina Pérez, Antía Goyene e Matías Losada, os autores da produtora Marma na presentación do proxecto no cine Alfonsetti

O Cine Alfonsetti de Betanzos acolleu o pasado sábado ante un multitudinario público, a presentación de Betanzos Capital, unha serie de vídeos didácticos que explican o pasado histórico da cidade e que permiten o percorrido aos lugares de interese a través dun folleto e mapa turístico.

Este folleto que xa está dispoñible na oficina de turismo do Concello de Betanzos e no Museo das Mariñas, permite grazas a un código QR acceder a todos os vídeos desde calquera dispositivo móbil. En palabras da alcaldesa María Barral “o proxecto é unha oportunidade para reivindicar o patrimonio de Betanzos e ofrécelle á veciñanza e ás persoas visitantes uns contidos didácticos de calidade sobre o noso pasado”.

O proxecto ten por obxectivo divulgar sucesos da historia dunha forma creativa e dinámica. Por iso, o formato escollido é o audiovisual e como aseguran os autores da produtora Marma “os vídeos son didácticos pero entretidos porque están pensados para atrapar aos espectadores e espectadoras a través da historia cunha linguaxe moi creativa e dinámica”.

Os vídeos están protagonizados por historiadores e divulgadores locais que presentan os temas en forma de anécdota, resolvendo no case tres minutos que dura cada peza, as claves sobre algún suceso, lugar ou personaxe relevante. Os títulos dos vídeos xa dan unha pista sobre os temas escollidos: Betanzos O Vello, Quen foi Fernán Pérez de Andrade?, o calendario agrícola de Santa María de Azougue, as Revoltas Irmandiñas, a Constitución da cidade, o Edificio Arquivo, o segredo dous túneis subterráneos e o porto de Betanzos.

O innovador dos vídeos recae en como se fixeron, xa que contan con diferentes técnicas de animación e 3D que permiten integrar diferentes fotografías, documentos de arquivo e imaxes de vídeo. Todo isto consegue que os historiadores estean integrados en diferentes localizacións da cidade mentres narran a historia.

O evento coa mostra dos contidos e un pequeno coloquio, contou coa participación da alcaldesa María Barral, a produtora do proxecto Marma e cos historiadores que protagonizaron os vídeos: Angel Arcay, Andrea Riveira, José Ángel Paz, Sara Fraga, Antonio González, Elena Carro e América Díaz.

Todos os contidos pódense consultar tamén na canle de Youtube @betanzoscapital e en na páxina web www.betanzoscapital.gal

Este proxecto foi un dos gañadores do II Certame de fondos culturais Reino de Galicia da Deputación de Coruña.