Betanzos acollerá os días 22 e 23 unha nova Mostra de Viños e Produtos da Reserva das Mariñas

370
A alcaldesa e o presidente da Reserva durante a rolda de prensa de presentación da Mostra

A Mostra de Viños e Produtos da Reserva de Biosfera consolídase coa súa sexta edición apuntando á alta cociña. Serán 25 os emprendedores da comarca que o 22 e 23 de setembro, presenten o seu traballo na praza Irmáns García Naveira de Betanzos.
O Concello de Betanzos e As Mariñas Coruñesas e presentaron este evento que ofrecerá unha ampliada variedade de produtos. Haberá conservas vexetais, produtos de horta, ecoarroces, queixos, stevia, lúpulo, cervexa, veu ou xabóns artesanais, entre un longo etcétera. A Reserva de Biosfera está convencida da idoneidade dos seus produtos para a alta cociña. Nesta ocasión contará co showcooking dos chefs Iván Domínguez e Beatriz Sotelo (Grupo Nove) e da maridaxe en directo de Sonia Molero.

Os responsables da mostra  cualificaron aos emprendedores locais de “exemplo a nivel nacional e mundial” ao ser os primeiros en obter o selo de calidade da biosfera. “Aos poucos imos avanzando”, sinalaron, á vez que animaron a aproveitar as bondades “ do noso” para tratar de xerar actividade económica da que vivir. Pola súa banda, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, apuntou que “co traballo de todos conseguimos consolidar esta Mostra”. A rexedora incidiu en que os produtos da comarca destacan “pola súa calidade” e demostran a “potencialidade” do territorio. A Mostra non só será este escaparate de produtos. A Reserva e o Concello ofrecerán unha completa programación en paralelo, ademais das demostracións. Durante a tarde do sábado 22 haberá un taller infantil sobre os ingredientes esenciais nos alimentos do outono, un taller sobre tomate autóctono, ou a actuación “A Música de Cecebre”. O domingo tamén haberá xogos populares.

Mostra dalgún dos produtos das Mariñas