O Concello ábrelle a porta á implantación dunha liña de transporte directo á Universidade no caso de que haxa demanda de alumnado para iso

1151

A alcaldesa, María Barral, mantivo contactos cos responsables de Arriva para negociar a posible reimplantación do autobús directo aos campus universitarios con saída desde Betanzos ás oito da mañá e regreso ás 14:10 horas. No caso das viaxes de volta, o autobús faría un transbordo na Ponte Pasaxe coa liña regular A Coruña-Betanzos.

A compañía de transporte puxo en marcha este reforzo nos últimos meses do pasado curso, mais a demanda non foi a agardada e decidiu deixalo en suspenso no novo ano académico.

O Concello recibiu diversos escritos de universitarios e universitarias interesadas en recuperar este servizo e, con motivo destas peticións, mantivéronse varios contactos coa compañía para analizar a posibilidade de que Betanzos dispoña novamente dunha saída directa, que evite que os mozos e as mozas teñan que utilizar o bus metropolitano e facer transbordo nas paradas da Coruña chegar ao campus.

O Concello considera que se trata dun servizo necesario, aínda que coida que se existe unha pobre demanda, como foi a do pasado ano, “é lóxica a decisión da compañía de suspender a ruta tras comprobar que era deficitaria”.

Neste sentido, o Concello abrirá un período para que o alumnado universitario exprese o seu interese por este servizo co fin de estudar a viabilidade económica deste e recuperalo “se se consegue alcanzar un número de usuarios e usuarias que xustifique o seu reimplantación”. A idea é, mesmo, realizar unha achega municipal no caso de que o servizo teña unha importante demanda.