O Concello dixitaliza máis de 81 000 páxinas do arquivo, entre eles actas municipais e o rexistro do antigo hospital de Santo Antonio de 1746 a 1938

1

O Concello dixitalizou 81 158 páxinas que forman parte do patrimonio bibliográfico de Betanzos, conservados no Arquivo municipal, para garantir así a preservación dos contidos a longo prazo; a identificación e descrición dos documentos dixitalizados, cos seus correspondentes esquemas de metadatos; o acceso aos documentos dixitalizados a través da web do Concello; e garantir os dereitos de propiedade intelectual.

O traballo foi contratado despois da concesión dunha subvención, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia cofinanciada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático de garantir un mellor uso das tecnoloxías da información, para a posta en marcha do Plan para a xestión dixital do patrimonio cultural e modernización tecnolóxica do turismo-dixitalización do patrimonio cultural.

O Concello é, a día de hoxe, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, o Concello máis aberto de Galicia a través de internet para consultar a documentación que consta no Arquivo Municipal e o será aínda máis con toda esta documentación que se incorporará á súa web para consulta.

Entre os documentos fixo especial fincapé na importancia que ten este traballo de dixitalización das “actas capitulares que constitúen a serie documental mais importante da cidade, xa que marca o goberno e o devir dos concellos e as súas distintas xurisdicións ao longo dos séculos”. En total dixitalizáronse máis de 25 000 imaxes comprendidas entre os anos 1801 e 1900 e máis de 20 000 correspondentes ao período de 1901 a 2004.

Ademais das actas dixitalizáronse varios padróns de habitantes e series do rexistro civil (algo que non é usual noutros arquivos municipais) que teñen moita demanda, tanto por parte dos investigadores como pola cidadanía en xeral, especialmente relacionado co mundo da emigración. Neste sentido fíxose un traballo centrado nos anos 1919 e 1936, en canto a padrón; e do Rexistro Civil de libros nados entre 1837-1870, 5954 imaxes; libros de matrimonios de 1841-1870 con 816 e libros de falecementos de 1841 a 1866 con 4752 documentos.

Tamén se dixitalizaron libros de rendas e impostos con rexistro fiscal de edificios e soares de 1893; de 1927 a 1948 e de 1818-1819, importantes para o estudo e coñecemento da evolución urbanística dunha cidade medieval, como é Betanzos e para facer valoracións sobre o sistema da propiedade, tanto da cidade de Betanzos como doutros municipios que conforman a comarca das Mariñas, unha documentación moi solicitada por investigadores e investigadoras.

Houbo, ademais, un traballo sobre o arquivo do Hospital de Santo Antonio con libros de entrada e saída de enfermos desde 1746 a 1938, en total 1298 documentos e de falecidos entre 1746 e 1938. Estes libros teñen unha gran importancia para a historia do Medicamento e da Asistencia Socio-Sanitaria en Betanzos e en Galicia, achegando datos de moito interese para o estudo das peregrinacións a Santiago, xa que Betanzos, ao estar cruzado por diversos camiños de Santiago, e polo eco da peregrinación no seu tres igrexas góticas, é a cidade máis “xacobea” de Galicia, despois de Santiago.

E por último, libros e acordos e ordes, entre 1809 e 1813 con da Xunta de Subsidios, Defensa e Armamento de Betanzos con 7340 imaxes que achegan unha importante información sobre a loita contra os invasores franceses na Guerra da Independencia, na provincia da Coruña.