Betanzos úrxelle á Xunta axilizar a tramitación do proxecto de mellora da captación e tratamento de auga para evitar a turbidez na subministración

644

O Concello úrxelle á Xunta sacar canto antes a contratación os traballos de mellora da planta de tratamento de auga potable. As intensas choivas dos últimos días unido aos arrastres do río incrementaron de forma notable a presenza de barro e os índices de turbidez, unha cuestión que estaría liquidada ou minimizada “co proxecto de mellora da captación e tratamento de auga que se pretende executar a través do convenio subscrito coa Xunta”, segundo indicou a alcaldesa, María Barral.

A primeira edil visitou, xunto ao concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, as instalacións dos depósitos do Coto, onde están os sistemas de tratamento para coñecer a situación despois de que se detectaron problemas en varias zonas polos índices de turbidez. Nestes momentos o sistema funciona a pleno rendemento polos índices elevados que trae o río e que superan amplamente as entre 80 e 120 unidades (os denominados NTU, unidades nefelométricas de turbidez) que se rexistran en días de choivas normais. Ante esta situación, segundo explicou a alcaldesa, “úrxenos pór en marcha as actuacións necesarias incluídas no proxecto previsto con Augas de Galicia. Non podemos seguir con esta situación que arrastramos desde hai anos cando o convenio xa se asinou en 2016”, indicou.

A sinatura foi, concretamente, en xullo de 2016 cun convenio que incluía a redacción do proxecto e a execución das actuacións incluídas neste para mellorar, entre outras cousas, a captación de auga e o tratamento, co fin de reducir os episodios de turbidez na auga. O convenio incluía unha achega da Xunta dun millón de euros. Con todo, unha vez definidas as obras estas superarán a contía inicialmente prevista e que segundo as previsións que existían naquel momento (xullo de 2016) era máis que suficiente para desenvolver as actuacións.

A día de hoxe os traballos necesarios ascenden a 1 205 118 euros polo que Augas de Galicia pediulle ao Concello que sexa o que financie os traballos e que “toda esta cantidade se plasme na sinatura dunha addenda ao convenio asinado no seu día entre o Concello e a Xunta”. María Barral, xa lle trasladou hai unhas semanas á propia conselleira de Infraestruturas a aceptación desta achega tendo en conta que se trata dunhas “obras necesarias e que o Concello considera prioritarias para mellorar a calidade da auga e evitar episodios de turbidez”. A primeira edil explicou que a pesar de que a achega, con fondos municipais, suporá “unha modificación dos plans de gasto e investimento do Concello, entendemos que debemos asumir para desbloquear un proxecto que é sumamente importante non só a curto senón a longo prazo en canto á mellora dos servizos básicos de abastecemento”.

As obras que se pretenden executar consisten na mellora do sistema de abastecemento co fin de incrementar a capacidade de regulación, optimizando tamén os procesos de potabilización. O obxectivo, segundo indicou o alcalde, é garantir un mellor sistema e que “os betanceiros e betanceiras poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as demandas futuras”.