O Pasatempo, o colexio e os institutos, o centro histórico e os centros de Día e da Muller, temas para os que Betanzos lle pedirá a colaboración da Xunta nunha reunión de María Barral con Feijóo

1283

O Pasatempo, os colexios e os institutos, o centro de día, o centro de información á muller, o centro histórico… son algúns dos asuntos incluídos na reunión que a alcaldesa de Betanzos, María Barral, acaba de solicitarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co fin de buscar a colaboración da Administración galega no desenvolvemento de diferentes actuacións, algunhas que dependen exclusivamente da Xunta e outras que o goberno local pretende desenvolver en colaboración coa Administración autonómica. Así, a alcaldesa pretende exporlle a necesidade de construír un Centro de Día, “unha instalación necesaria para cubrir a demanda asistencial que existe actualmente non só en Betanzos senón na comarca e que desde o Concello solicitamos, a través de acordos plenarios, en varias ocasións á Administración que vostede preside”.

A proposta pasa por acondicionar o antigo “ambulatorio da cidade, en desuso, situado non centro urbano, propiedade do Estado que, en todo caso, estaría en disposición de ceder esta instalación á Xunta para que poida executar este proxecto. A outra alternativa sería a cesión de chan municipal á Xunta, nunha zona próxima ao actual centro de saúde do Carregal”. Outro dos asuntos que pretende trasladarlle é o Centro de Información á Muller “para o que o Concello cedería instalacións. Considero que é un servizo necesario que a Xunta debe poñer en marcha en Betanzos, como cabeceira comarcal, a maiores do que desde hai anos funciona nun municipio próximo”.

Para o centro histórico, a alcaldesa incide na importancia de continuar coa súa dinamización e recuperación “e incrementar a colaboración entre as dúas administracións”. Algo que agarda facer tamén en Educación “onde é necesario impulsar a segunda fase do colexio Vales Villamarín, non que estudan uns 800 alumnos e alumnas, xunto con distintas actuacións nos institutos Francisco Aguiar e As Mariñas”.

Por último, mais non menos importante, a alcaldesa fixo fincapé na súa petición de entrevista no proxecto de recuperación do Pasatempo, “no que estamos a traballar, como sabe, cunha actuación integral, por fases, para a que dispoñemos de colaboración da Deputación da Coruña cun total de orzamento, entre o Concello e a Deputación de 750 000 euros. Neste sentido, consideramos que o valor histórico do parque e o que representa non só para esta comarca senón para Galicia é razón suficiente para que ou goberno galego participe tamén no financiamento dos traballos de recuperación”.

María Barral lémbralle ao presidente que lle consta “porque xa mo trasladou, o seu interese por esta actuación, e a súa preocupación pola situación do parque, polo que me gustaría establecer a colaboración entre ambas as administracións para ampliar a partida económica coa que contamos nestes momentos e poder facer fronte ás actuacións necesarias para a súa recuperación integral”.