A Feira Medieval volveu rexistrar cifras de participación de antes da pandemia e anuncia un programa especial para 2024 coincidindo co 25 aniversario.. Galería de imaxes

161

Os servizos municipais iniciaron onte os labores de limpeza das rúas do centro histórico (incluída a praza dos Irmáns García Naveira) nas que se celebrou a Feira Medieval, uns traballos que se prolongarán durante varios días ata retirar as teas e estandartes decorativos.

A alcaldesa, María Barral, explicou que, aínda que nos próximos días terá lugar unha reunión co persoal técnico para facer un balance da feira, o certo é que “os resultados son moi satisfactorios pola alta participación que houbo, especialmente durante a tarde-noite do venres, a noite do sábado e a tarde do domingo, con cifras similares a antes da pandemia”.

A primeira edil subliñou o que a Feira Medieval supón para a cidade a nivel non só económico senón canto a repercusión e promoción de Betanzos. Indicou que en moitos momentos se superaron amplamente as previsións,  o que é un indicativo “das ganas que ten a xente de celebrar esta feira e da dimensión e a repercusión que alcanza xa non só na comarca senón a nivel galego”. Neste sentido, fixo especial fincapé “no traballo do voluntariado que participa nas distintas escenas e dos servizos municipais xa que todos eles fan posible que cada ano sexa un éxito”.

O goberno local destacou a participación nas actividades tradicionais do programa e naquelas que se reforzaron para esta edición, que congregaron a miles de persoas como “o torneo Medieval, a expulsión dos leprosos, a carreira de bocois, a representación das danzas das campesiñas e as mouras…”.

María Barral subliñou o valor das escenas medievais representadas e a expectación que xeran, representacións nas que Betanzos mostra os seus trazos diferenciadores que seguen despertando interese e fan que a Feira Medieval teña ou éxito que ten a pesar ao incremento deste tipo de eventos en Galicia. A feira de Betanzos mantense como un referente.

O goberno local explicou que a pesar desa alta participación todo se desenvolveu sen incidentes, e destacou neste sentido o traballo realizado pola Policía Local, Protección Civil, e Cruz Vermella. Canto ao punto violeta, instalado polo Concello, houbo 171 consultas, das que 78 foron de Betanzos, 57 doutros concellos de Galicia, 28 de fóra da nosa comunidade e 8 persoas estranxeiras. Foron consultas no seu maior parte para pedir información sobre os recursos existentes na loita contra a violencia machista e saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres. Tamén se informou sobre os programas municipais, e o Centro de Información da Muller.

Por outra banda, os vendedores e as vendedoras tamén subliñaron que Betanzos segue sendo “un valor seguro” e  aí o interese de moitos por estar tamén presentes na feira do próximo ano que coincidirá co 25 aniversario e para que o Concello pretende que teña un contido “especial por esta conmemoración”.

VENRES, 7 DE XULLO

SÁBADO, 8 DE XULLO

DOMINGO, 9 DE XULLO