A Policía Local detivo a dúas persoas de Culleredo e A Coruña por tentar entrar en varios vehículos en Betanzos e roubar unha furgoneta

101
Praza Henrique IV

A Policía Local detivo na mañá do pasado venres 30 de xuño, a un veciño do Burgo, con iniciais G. A. B. P., de 48 anos de idade, e a M. M. E. G. veciña da Coruña de 33 anos de idade, aos que se lles imputou un delito de furto e outro contra a seguridade viaria.

Os feitos ocorrerono pasadas as 13:40 horas, momento no que un veciño alertou á Policía Local da presenza destes dous individuos na zona da praza Henrique IV tentando acceder a varios vehículos estacionados na zona, camiñando cara ao paseo do Malecón.

Unha patrulla da Policía Local desprazouse á zona sen que puidese localizar á parella, nin na zona nin tampouco na zona da Ribeira e o paseo Ramón Beade na que tamén, presuntamente, poderían atoparse os agora detidos. Minutos máis tarde, no percorrido patrulla por estas rúas, a Policía Local observou como un vehículo marca Opel Combo pretendía incorporarse ao tráfico por unha rúa en dirección prohibida. Cara ao vehículo dirixiuse a Policía e comprobou que os ocupantes coincidían coa descrición realizada na chamada telefónica polo veciño que alertou de posibles intentos de roubo en coches na praza Henrique IV e que, ademais, nese momento outro home se aproximaba á carreira cara ao vehículo tentado abrir a porta do copiloto e logo a do condutor para evitar que lle roubasen o coche.

Nese momento tamén interveu a Policía Local e detivo ás dúas persoas, ademais de comprobar que a terceira que corría cara ao vehículo era o propietario deste.

Os dous foron trasladados á Garda Civil para comprobar se sobre eles existen causas pendentes noutros concellos, ademais de poñelos a disposición xudicial.

Ademais do delito do furto, a Policía Local imputoulle un delito contra a seguridade viaria por circular sen puntos.