O Concello resolve a contratación dunha nova empresa para a piscina municipal para que poidan iniciar a actividade este mesmo mes de setembro

275
Instalacións da piscina municipal na avenida de O Carregal

O complexo deportivo de O Carregeal, coa piscina, ximnasio e pabellon, será xestionado por unha nova empresa que dispoñerá duns días para adecuar as instalacións co fin de comezar a actividade o próximo día 16 de setembro. Antes, a partir do próximo día 5, comezará unha campaña de información sobre actividades e funcionamento das instalacións para comezar os cursos, como todos os anos, o 1 de outubro.

A oficina de información funcionará de 10:00 a 13.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas de luns a xoves e de 10.00 a 13.30 horas os venres. Dado que o funcionamento das instalacións para os abonados non comezará ata mediados de setembro, non se cobrarán os días nos que os o complexo permanecerá pechado durante ese mes.

Con este contrato urxente, o Concello poderá abrir as instalacións este mes de setembro logo de que os pregos do concurso que no seu día licitou para a concesión da mesma fosen anulados.

Como se lembrará o 2 de xuño  o Concello iniciou o expediente para a licitación deste contrato de servizos. O 23 de xuño do 2022, a xunta de goberno local, acordou sacar a licitación o contrato por un valor estimado de 390.846,41 euros.  Un  prego de contratación que contaba co informe favorable dos técnicos municipais.

Unha vez licitado e publicado este contrato, abriuse un período de 15 días para a presentación de ofertas, prazo que acabou o 13 de xullo do 2022. Ese mesmo día, unha empresa presentaba un recurso aos pregos. Devandito recurso – que no momento da súa presentación non paralizou o procedemento de contratación- foi remitido ao Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, quen  no seu informe emitido o 4 de agosto do presente, propuxo ao Concello a anulación dos pregos porque “á hora de valorar as ofertas podíase producir unha contaminación de sobres”. A pesar de que a conclusión do Tribunal administrativo era discutible, o Concello decidiu acatala e non recorrela.

Ante esta nova situación, e co obxectivo de que buscar alternativas admjnistrativas para que o complexo abrise en setembro,  o pasado día 10 do presente mes, iniciáronse dous novos procedementos administrativos en paralelo. En primeira instancia, decidiuse anular a aprobación do expediente recorrido , e en consecuencia, retrotraer o expediente ao momento da súa aprobación inicial. Ademais, decidiuse iniciar un procedemento negociado  con ofertas a tres empresas. Proceso iniciado ese mesmo día, e aprobado en xunta de goberno local o día 11 de agosto.

Este ultimo procedemento permitiu unha contratación de maneira temporal dada a a imperiosa urxencia “resultante de acontecementos imprevisibles para o órgano contratante e non imputables ao mesmo, como é o caso deste contrato”. Unha vez esgotado o prazo de presentación de ofertas, o Concello  adxudicou o día 26 de agosto á empresa Servizos Deportivos de Galicia SL o contrato de servizos que entra en vigor o próximo 16 de setembro.

Entre tanto, e resolto este problema de maneira temporal, segundo explicou o concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, o  Concello seguirá traballando nunha nova licitación atendendo ás consideracións do Tribunal.  Unha vez adxudicado ese contrato, enlazarase co que se inicia nos próximos días e comezar´así “unha nova etapa na instalación.  Unha nova etapa na que os abonados e abonadas terán que esperar uns días para gozar dos servizos, días que non se cobrarán aos usuarios, e días que son necesarios debido á necesidade de poñer a punto a instalación, así como para poñer en coñecemento de todos os veciños e  veciñas a nova oferta de actividades e servizos que de acordo con este concello preténdese poñer en marcha”.