A Taberna 1931 resulta gañadora do “premio popular” na Semana da Tortilla de Betanzos

1080
A concelleira de comercio Mónica Carneiro xunto a persoal municipal no recuento de votos no salón azul

A Taberna 1931 resultou ser a gañadora do premio popular da Semana da Tortilla, a moi poucos votos de Mesón O Progreso. O establecemento obtivo durante a Semana da Tortilla 39 votos dos preto de 260 emitidos polas persoas que participación na elección. Cómpre lembrar que para poder tomar parte do sorteo, cada persoa tiña que probar a tortilla de, mínimo, cinco dos 21 establecementos participantes.

A intención do Concello e os hostaleiros de dar este ano un paso máis na proxección deste típico produto gastronómico, imaxe e referente de Betanzos, fixo que ambas as partes acordasen que os que participasen no concurso oficial terían que cinguirse á tradicional “tortilla de Betanzos”, é dicir, aceite de oliva, patacas, ovos, e sal. De feito, dos 21 establecementos que participaron na edición deste ano, 18 optaron por presentarse nesta modalidade. Outro tres incluíron cebola, co que non puideron participar na cata profesional.

O mesmo sucedía para o premio popular. Aínda que o Concello e hostaleiros acordaron na reunión de organización da Semana da Tortilla que os premiados en ambas as modalidades deberían de axustarse ás características da tradicional tortilla de Betanzos, podendo, no entanto, participar na Semana todo aquel establecemento que así o desexase (aínda non axustándose a esas características, é dicir, podendo utilizar cebola), o certo é que, polos resultados obtidos na votación popular este “requisito” pasou inadvertido para os 39 que votaron por Taberna 1931.

Á vista do escrutinio e que neste premio popular si que puido haber dúbidas de interpretación, decidiuse manter o resultado.

A Taberna Escondida obtivo este galardón o pasado ano.

Nesta edición, o segundo posto foi para Mesón O Progreso con 31 votos, seguido de Casa do Queixo con 25, os dous sen cebola.